Microsoft lanza unha tableta oficial do Real Madrid

xoves, 4 de xuño do 2015 Marcus Fernández

O acordo de colaboración entre o Real Madrid e Microsoft parece estar a ser bastante produtivo para ambas partes, xa que por unha banda Microsoft consegue unha grande visibilidade, á vez que o Real Madrid pode gozar de numerosos produtos coa súa marca (dende unha aplicación móbil oficial do Real Madrid até unha edición exclusiva do Lumia 535) e abundando nesta liña chega agora unha tableta con Windows.
Temos así que xa é posible adquirir o Windows Tablet edición Real Madrid por 199 euros, mentres que por 249 euros estará dispoñible unha edición Premium cunha funda-atril e un teclado Bluetooth que facilita utilizar o equipo coma se fose un ordenador portátil. Ambos modelos están dispoñibles en cor branca cunha parte traseira da que poderemos elixir entre 3 deseños aos que se engadirá o nome e os apelidos do usuarios así como unha frase a elixir entre tres (“¡Hala Madrid!”, “¡Hala Madrid... y nada más!” e “¡Madridista de corazón!”). Os primeiros en adquirir as súas tabletas recibirán de agasallo entradas dobres para o Tour do Bernabéu por cortesía de Microsoft.
Amais, dende Microsoft tamén confirman que están a traballar nunha aplicación oficial do Real Madrid para Windows, que permitirá unirse á comunidade de madridistas máis grande do mundo, gozar do resumo dos partidos, ver os partidos en diferido, repasar as mellores xogadas en multi-cámara, entrevistas exclusivas e moito máis.
Este equipo claramente pensado como obxecto de agasallo está equipado cun procesador Intel Acom Z3735F de catro núcleos, 2 GB de RAM, 32 GB de almacenamento interno ampliable mediante microSD, pantalla IPS de 8,9 polgadas cunha resolución de 1.920 x 1.200 píxeles, cámaras de 5 e 2 Mpíxeles, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, batería de 6.700 mAh, un grosor de 8 milímetros e un peso de 369 gramos, que vén con Windows 8.1 e un protector ocular Reticare (valorado en 19,90 euros).

A tableta está dispoñible cunha carcasa traseira personalizable con 3 motivos distintos:

PUBLICIDADE