Microsoft liberará preto dun millón de Gamertags

luns, 16 de maio do 2016 Marcus Fernández

Unha das cousas máis frustrantes ao darse de alta nalgúns servizos en liña é atopar un nome de usuario libre que se axuste aos nosos gustos, sen ter que rematar o nome cunha chea de números sen sentido, e para paliar en boa medida este problema Microsoft decidiu facer unha purga no seu servizo Xbox LIVE, de xeito que este mércores van iniciar a eliminación de preto dun millóns de Gamertags para que os usuarios Gold de Xbox LIVE con subscricións activas dende como mínimo un ano poidan optar a mudar o seu nome de usuario a algúns dos que levan moito tempo inactivos.
Os Gamertags liberados corresponden principalmente a contas creadas na Xbox orixinal, que nunca migraron a Xbox 360, de aí que leven tanto tempo sen actividade, e aínda que non vaian facilitar unha relación con todos os nomes que porán a disposición do público, aseguran que hai moitos nomes atractivos. Os que queiran optar polo cambio de Gamertag poden recorrer á sección na páxina web de Xbox na que se ofrece esta posibilidade, sendo os cambios de nome de usuario de balde a primeira ocasión (en caso contrario habería que pagar 9,99 euros para completar a solicitude), non afectando o cambio de nome aos datos asociados á conta de usuario (como a listaxe de amigos ou os logros desbloqueados).

PUBLICIDADE