Microsoft mellora a seguridade da función Recordar
venres, 27 de setembro do 2024
En xuño Microsoft anunciou que a función Recordar, que pretendía ser a estrela dos equipos Copilot+ PC, adiaba o seu lanzamento para mellorar a súa seguridade tras recibir críticas durante as súas probas, e por fin anuncian o seu retorno e os cambios que recibirá para unha maior seguridade e privacidade.
Para tranquilizar aos usuarios a función Recordar será totalmente opcional, ou sexa, que durante a configuración dos Copilot+ PC aparecerá unha opción que facilitará a activación deste servizo, ou sexa, que estará desactivado de xeito predeterminado.
Os datos sensibles recollidos polo servizo estarán sempre cifrados e as claves de cifrado estaría protexidas mediante TPM, e as operacións que manexen as capturas de pantalla e os datos asociados residirán no enclave VBS (evitando fugas de datos).
E para empregar a función Recordar o sistema tamén comprobará que é o usuario o que está a empregar activamente a aplicación mediante identificación segura.
Pero estes cambios non son os únicos que experimenta Recordar, senón que tamén mudou de xeito substancial a súa privacidade con detalles como non almacenar nunca a información de navegadores web que empreguen o modo privado; os usuarios poderán filtrar aplicacións e páxinas web que queiran que rexistren; os usuarios poderán controlar canto a duración no tempo e a capacidade máxima de disco da información que almacene Recordar; o sistema ten que minimizar a posibilidade de que Recordar almacene información moi sensible como contrasinais, números de tarxetas bancarias ou números de DNI; será posible eliminar a información rexistrada nun certo lapso de tempo ou relativa a unha aplicación ou a unha páxina web; e na barra de notificacións haberá unha icona que axuda a saber cando Recordar toma capturas, facendo doado a súa pausa.
Microsoft tamén lembra que Recordar só funciona en equipos Copilot+ PC, que no seu deseño xa contan con numerosas medidas de seguridade, o que debería tranquilizar aos usuarios, aínda que tamén destacan que a nova función está a ser supervisada por equipos internos e externos, polo que vai estar no punto de mira constantemente, por ser un elemento que moitos consideran un auténtico pesadelo para a privacidade, aínda que as vantaxes que achega poden compensar iso de minimizarse os riscos.