Microsoft merca Bethesda por 7.500 millóns de dólares

luns, 21 de setembro do 2020 Marcus Fernández

Microsoft anunciou hoxe a compra de ZeniMax Media, empresa matriz de Bethesda Softworks, unha das desenvolvedoras e editoras de videoxogos máis grandes do mundo, a través dunha operación por valor de 7.500 millóns de dólares.
De Bethesda saíron grandes franquías como The Elder Scrolls, Dishonored, DOOM e Fallout, que agora poderán incorporarse ao catálogo de Xbox Game Pass, servizo que vén de superar os 15 millóns de subscritores, o que supón un crecemento do 50% en menos de 6 meses.
O feito de que os estudios propios de Microsoft pasen de 15 a 23, dos que os seu xogos vaian estar incluídos no Game Pass dende o día do lanzamento, sitúa ao lanzamento das consolas de nova xeración nunha posición moi interesante, xa que as consolas de Microsoft serían as que ofrecen o catálogo claramente máis amplo e asumible economicamente, mentres que as consolas PlayStation quedarían como principal atractivo algúns desenvolvementos puntuais como os xogos de Spider-Man ou os traballos de Naughty Dog.
A aposta de Microsoft polo xogo por subscrición tamén vai moito máis aló que as consolas, aplicándose tamén ao PC e incluso ao xogo na nube (actualmente limitado a dispositivos móbiles con Android, pero coa esperanza de que Apple chegue a permitir que no futuro tamén poida levarse ao iPhone a ao iPad).
Actualmente hai algúns traballos de Betheda que están a desenvolverse en exclusiva para plataformas distintas ás de Microsoft, e aseguran que van respectar eses acordos, pero a longo prazo Microsoft está a conseguir unha boa posición de cara a un futuro no que o xogo na nube pode ser crucial, e aínda que a compañía de Redmond non vaia gañar a nova guerra de consolas de nova xeración, quedará nunha situación moi vantaxosa a longo prazo.

PUBLICIDADE