Microsoft ofrece unha solución provisional ao seu fallo de seguridade

xoves, 20 de setembro do 2012 Raquel Noya

Logo de que Microsoft advertira dun bug (erro) descuberto no seu navegador Internet Explorer, que facía que os ordenadores foran vulnerables aos ataques de hackers, a compañía vén de activar unha actualización que “resolve a grave greta de seguridade detectada”, afirman.
Microsoft ofrece, asemade, unha solución provisional para impedir calquera risco na seguridade dos equipos que usan o Explorer, malia que segundo afirman, “ata agora só uns poucos usuarios foron vítimas de ataques”.
O fallo de seguridade, que permitía que os equipos fosen infectados por un troiano, foi detectado durante a pasada fin de semana, e a madrugada do luns, a Oficina Alemá de Seguridade Informática (BSI) recomendoulle aos usuarios empregar navegadores alternativos ao Explorer.
O problema afectoulle a computadores que empregan Internet Explorar nas versións 7 e 8 con sistema operativo Windows XP, así como as versións 8 e 9 con Windows 7. O novo Explorer 10, que se presentará a finais de outubro con Windows 8, “non terá o problema”, aseguran.

PUBLICIDADE