Microsoft pecha Mixer

martes, 23 de xuño do 2020 Marcus Fernández

En 2016 Microsoft fíxose con Beam crear Mixer, unha plataforma de streaming de vídeo centrado nos videoxogos que buscaba competir con Twitch e YouTube, reto especialmente complexo que os levou a que o ano pasado fichasen a Tyler Blevins Ninja por unha cantidade millonaria, o que contribuíu a dar visibilidade a Mixer, pero non a consolidar unha base de usuarios que compensase os esforzos de manter viva esta plataforma, de aí que non sorprenda o anuncio do seu peche.
En vez de realizar un peche abrupto de Mixer, o 22 de xullo comezarán a remitir aos usuarios que visiten Mixer a Facebook Gaming, que será a plataforma que recomendarán como alternativa aos espectadores, mentres que os creadores de contido terán que decidir se migran a esta plataforma (que permite a monetización, pero ten unha penetración moi limitada) ou se volven a YouTube Gaming ou Twitch.
A elección de Facebook Gaming como alternativa a Mixer non parece ser aleatoria, e respondería a acordos de Microsoft e Facebook, de xeito que no futuro poderiamos ver experimentos como a posibilidade de gozar do xogo na nube de Microsoft dende Facebook Gaming e Instagram.
Procurarán que a transición de Mixer a Facebook Gaming sexa o menos traumática posible, pero resulta innegable que trátase dun duro golpe para os creadores que apostaron por Mixer nos últimos meses, e agora ven como a súa comunidade queda desartellada, polo que teñen que reconstruíla ao redor doutra plataforma de streaming.

PUBLICIDADE