Microsoft pecha acordos con Nintendo e nVIDIA

martes, 21 de febreiro do 2023 Marcus Fernández

Coincidindo coa defensa de Microsoft da súa compra de Activision Blizzard ante as autoridades de competencia da Unión Europea, a compañía de Redmond anuncia un par de acordos de colaboración con outras compañías para reducir o temor dos reguladores ante a posibilidade de que a perseguida compra poida atentar á competencia no sector dos videoxogos.
Brad Smith foi o encargado de difundir o peche dun acordo con Nintendo, que xa se anunciara previamente, e que consistirá no compromiso de Microsoft de publicar xogos da franquía Call of Duty para consolas de Nintendo durante os vindeiros 10 anos. Os títulos chegarían ao mesmo tempo que a Xbox, con todas as características e igualdade de contidos, de xeito que os xogadores de Nintendo poderán gozar dunha experiencia equiparable á dos xogadores de Xbox e PlayStation.
Con este anuncio tamén dan a entender que ofreceron o mesmo acordo a PlayStation, pero Sony continúa a ser o grande detractor da operación de adquisición de Activision Blizzard, con argumentos pouco honestos, e omitindo as prácticas anticompetitivas que si realiza a compañía nipoa.
Pero o anuncio máis rechamante da xornada foi o que chegou por parte de nVIDIA, compañía que pechou un acordo, tamén de 10 anos de duración, a través do que os xogos de Xbox para PC ofreceranse a través do servizo de xogo na nube nVIDIA GeForce NOW, ou sexa, que ofrécese o catálogo de xogos a un competidor directo no xogo en streaming, polo que as acusacións de Sony contra Microsoft perden tanto peso que resultan moi difíciles de soster (entendéndose que Sony só busca manter o seu dominio no mercado das consolas de videoxogos, e non está a actuar en defensa dos consumidores).
Dende nVIDIA salientan que grazas a este acordo os xogos para PC de Xbox poden correr en ordenadores con Windows, macOS, Chromebooks, smartphones e outros dispositivos para os que está dispoñible GeForce NOW, o que incluiría tamén as entregas de Call of Duty de pecharse a compra de Activision Blizzard por parte de Microsoft, o que preséntase como unha clara vantaxe para os xogadores, que contarán con maiores opcións.
nVIDIA deixa así claro o seu apoio á operación de adquisición, e confirma que xa está a traballar para que os usuarios de GeForce NOW poidan gozar en streaming aos xogos que mercasen na Windows Store (principalmente os de Microsoft, pero tamén os de compañías que se adherisen a GeForce NOW).

PUBLICIDADE