Microsoft proba as presentacións de PowerPoint en vertical

martes, 22 de novembro do 2022 Marcus Fernández

Nos últimos anos puidemos ver como o vídeo vertical ía gañando forza en dispositivos móbiles, popularizándose en plataformas sociais como Instagram e TikTok, até o punto de que agora podemos aceptar tal orientación con normalidade, pese a que antes era considerada todo un atentado para o vídeo, e agora Microsoft sorpréndenos ao emprender un camiño semellante coas presentacións de PowerPoint.
Os Insiders do Office de Microsoft poden probar en iPhone e iPad unha nova opción de PowerPoint que permite definir a presentación en formato vertical, buscando así atender as demandas de creación de contidos orientados a dispositivos móbiles.
Agora queda por ver a resposta que dan os usuarios a esta funcionalidade anticipada para a versión móbil de PowerPoint, que de resultar positiva rematará incorporándose á versión oficial de PowerPoint, dando lugar a un novo formato de presentacións que hoxe pode resultarnos rechamante, pero que no futuro podemos consideralo habitual en certos contextos.

PUBLICIDADE