Microsoft renova a familia Surface

mércores, 6 de maio do 2020 Marcus Fernández

A familia de produtos Surface de Microsoft anunciou novos integrantes, que chegarán ao mercado nas vindeiras semanas, e que serán equipos Surface Go 2 e Surface Book 3, así como accesorios como os Surface Headphones 2, os Surface Earbuds, o Surface Dock 2 e incluso un concentrador USB-C de viaxe.

Surface Go 2

O Surface Go 2, a tableta lixeira e económica de Microsoft, renóvase tras un par de anos, incrementando lixeiramente a súa pantalla PixelSense até as 10,5 polgadas, mellora a súa autonomía e ofrece configuracións que chegan a ter un rendemento até un 64% superior. Tamén integra un sistema de micrófono dual para aumentar a claridade de voz e a redución do ruído de fondo para xuntanzas e videochamadas, para o que tamén conta cunha cámara frontal de 5 Mpíxeles capaz de conseguir unha imaxe nítida en condicións de pouca luz. De cara á dixitalización de documentos a tableta tamén incorpora cámara traseira.
Está previsto que este equipo chegue a España o 12 de maio a un prezo de saída de 459 euros.

Surface Book 3

Para usuarios esixentes resulta moito máis interesante o Surface Book 3, que en vez de ser unha tableta que pode empregarse como un ordenador portátil busca a experiencia inversa (é un portátil que pode transformarse en tableta). Este novo equipo mellora un 50% o seu rendemento fronte á anterior xeración (podendo equiparse con procesadores Intel Core de 10ª xeración e con gráficas dedicada de nVIDIA) e conseguindo tamén autonomías de até 17,5 horas. Tamén pode configurarse con até 32 GB de RAM e con unidades SSD de alta velocidade. Ofrécese en dous tamaños de pantalla (13 ou 15 polgadas) e, aínda que a súa configuración cunha gráfica nVIDIA GeForce pareza bastante potente, incluso para xogar a títulos esixentes, de cara ao mercado profesional tamén contará coa opción de contar cunha gráfica nVIDIA Quadro RTX 3000.
Chegará ás tendas españolas o 5 de xuño a un prezo que parte dos 1.799 euros.

Novos auriculares

Sobre os auriculares de Microsoft resultou un tanto sorprendente que decidisen renovar os seus auriculares de diadema, de xeito que a partir do 5 de xuño poderemos mercar os Surface Headphones 2 por 279,99 euros. Estes auriculares prometen unha calidade sonora espectacular, 13 niveis de cancelación de ruído ambiental, mellor autonomía (até 20 horas) e un deseño da diadema que permite que as almofadas xiren 180 graos para unha maior comodidade cando se colocan ao redor do pescozo.
Dos curiosos Surface Earbuds temos por fin data de lanzamento. Estes auriculares sen fíos de Microsoft sairán á venda o 12 de maio a un prezo de 219,99 euros, presentando un deseño moi rechamante por optar por un tamaño exterior moi grande para albergar unha ampla superficie de control táctil, para poder manexar a reprodución multimedia con xestos intuitivos e incluso poder aproveitar este accesorio para labores ofimáticas, como avanzar diapositivas de PowerPoint, facer ditado de voz nas aplicacións de Office ou incluso gozar da tradución en pantalla. Estes auriculares teñen unha autonomía de 8 horas que poden ampliarse até 24 co seu estoxo de carga e contan con tecnoloxía de emparellamento rápido.

Surface Dock 2

Pensando na optimización dos espazos de traballo teremos o Surface Dock 2, base que pode conectarse aos equipos Surface comodamente mediante o seu conector magnético, que ofrecen carga máis rápida e maiores taxas de transferencia de datos, e que serven principalmente para facer doada a conexión de monitores, accesorios e almacenamento adicional aos nosos equipos portátiles cando se empreguen no escritorio. O 26 de maio chegará o Surface Dock 2 a un prezo de 299,99 euros, estando tamén dispoñible unha versión de viaxe máis básica por 109,99 euros.

PUBLICIDADE