Microsoft traballa nunha aplicación que facilitará percorrer o Camiño a invidentes

xoves, 16 de maio do 2019 Marcus Fernández

O proxecto Camino de Santiago para todos, froito da colaboración de Microsoft e a Fundación ONCE, avanza para facer posible que persoas con discapacidade visual poidan percorrer o Camiño de Santiago de xeito autónomo grazas ao guiado auditivo 3D de Soundscape, aplicación desenvolvida por Microsoft Research para o guiado de persoas en exteriores que, coa integración de BeepCons, o sistema de balizas intelixentes de ILUNION, permitirá a realización de tramos do Camiño aínda que se padeza discapacidade visual.
Este proxecto está enmarcado na estratexia de Microsoft polo desenvolvemento de solucións tecnolóxicas inclusivas e intégrase na iniciativa Camino de Santiago para todos, liderada pola Fundación ONCE, e que conta tamén coa colaboración de 4 ministerios, as comunidades autónomas polas que pasa o Camiño Francés, a Asociación de Concellos do Camiño de Santiago e a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago.
A aplicación Soundscape para dispositivos móbiles combina os sensores do móbil (GPS e compás) e a información recibida por balizas Bluetooth para realizar un guiado mediante sons en 3D, de xeito que a persoa que empregue a ferramenta pode coñecer o sentido e a dirección que debe seguir para avanzar nun camiño determinado. Dentro do proxecto piloto da aplicación de Soundscape ao Camiño percorreuse un tramo da ruta para probar o uso por persoas con diferentes eivas sensoriais e intelectuais, de xeito que os resultados da experiencia contribuirán á vindeira versión de Soundscape.

Vídeo no que dan conta da experiencia piloto de aplicación de Soundscape ao Camiño de Santiago

PUBLICIDADE