Microsoft ultima a construción do centro de datos para IA máis potente do planeta

xoves, 18 de setembro do 2025 Redacción

Microsoft está a dar un novo paso na carreira global pola intelixencia artificial coa construción en Wisconsin de Fairwater, o que describen como o centro de datos de IA máis avanzado e potente do planeta. O complexo, que entrará en funcionamento a comezos de 2026, supuxo un investimento inicial de 3.300 millóns de dólares. A compañía anunciou ademais un novo compromiso de 4.000 millóns de dólares para levantar unha segunda infraestrutura de dimensións semellantes, o que elevará o investimento total en máis de 7.000 millóns.
Fairwater ocupará máis de cen mil metros cadrados repartidos en tres grandes edificios e foi concibido como unha instalación única no mundo: non un conxunto de servidores illados, senón un superordenador masivo no que centos de miles de procesadores gráficos de última xeración de nVIDIA traballan en clústeres interconectados. Para enlazalos, despregouse suficiente cable de fibra óptica como para dar catro voltas ao planeta. Esta arquitectura permitirá acadar un rendemento dez veces superior ao do superordenador máis veloz dispoñible na actualidade.
O obxectivo é dar resposta ás crecentes esixencias do adestramento de modelos de fronteira en IA, que requiren procesar billóns de operacións de maneira paralela. Esta capacidade permitirá desenvolver modelos máis precisos e aplicalos a ámbitos clave como a investigación médica, a innovación científica ou a mellora da produtividade industrial.
A magnitude do proxecto tamén se reflicte nos traballos de construción. Foron necesarios máis de 70 quilómetros de tubaxes, 200 quilómetros de cableado subterráneo e 26 millóns de libras de aceiro estrutural. A estrutura basea a súa eficiencia nun deseño que minimiza a latencia entre servidores: os racks están distribuídos en dúas alturas para reducir distancias físicas e manter unha comunicación case instantánea entre procesadores. Cada rack incorpora 72 GPU Blackwell unidas por NVLink, que proporcionan un ancho de banda de 1,8 terabytes por segundo e un acceso compartido a 14 terabytes de memoria, facendo que funcionen como un único acelerador xigante capaz de procesar centos de miles de tokens por segundo.
O proxecto incorpora medidas pioneiras de sustentabilidade. Máis do 90 % da refrixeración depende dun sistema pechado de auga que só se encheu durante a construción e que recircula de forma continua, eliminando desperdicio. O 10 % restante utilízase só nos servidores tradicionais e recorre ao aire exterior excepto nos días de maior calor. En termos de consumo, Microsoft destaca que a cantidade de auga necesaria equivale ao que utiliza un restaurante medio ao ano ou un campo de golf nunha semana de verán. A nivel enerxético, a compañía comprométese a igualar cada quilowatt hora consumido con outro procedente de fontes renovables, incluíndo un parque solar de 250 megavatios en desenvolvemento.
O centro de datos de Wisconsin forma parte dunha estratexia global que inclúe novas infraestruturas en Noruega e no Reino Unido, e que se integrarán coa rede mundial de Azure, composta por máis de 400 centros en 70 rexións. A través desta interconexión, Microsoft pretende construír un superordenador distribuído a escala planetaria, capaz de compartir recursos de cálculo, almacenamento e rede con total flexibilidade.