Miguel Corgos aposta por crear, atraer e reter talento para avanzamos en especialización tecnolóxica
xoves, 30 de outubro do 2025
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, avogou este xoves 30 de outubro por crear, atraer e reter talento como “clave para seguir avanzando na especialización tecnolóxica de Galicia”, incrementando o nivel de madurez dixital nos ámbitos da conectividade, da capacitación e dos servizos públicos. Fíxoo na apertura do VI Foro de Responsables Autonómicos de Dixitalización.
Neste contexto Corgos incidiu en que a complexidade dos retos actuais esixe perfís técnicos cualificados, capaces de deseñar, aplicar e manter solucións dixitais robustas. “Por iso, desde a Administración galega queremos atraer e reter profesionais con competencias en IA, ciberseguridade, ciencia de datos, arquitectura de sistemas e xestión de proxectos dixitais”, precisou.
O Foro, organizado pola Comunidade galega, contou coa presenza de representantes das Comunidades Autónomas de Aragón, Navarra, Canarias, Cantabria, Castela-León, Castela-A Mancha, Cataluña, Madrid, Murcia, Estremadura, Baleares e Asturias, ademais do director da AESIA.
O conselleiro de Facenda dixo que “foi o traballo conxunto e continuado no tempo entre o sector público e o privado o que fixo realidade que Galicia estea á vangarda no eido das novas tecnoloxías, sendo unha das primeiras comunidades en contar con nodos de colaboración público privada en 5G, ciberseguridade e IA”. Engadiu que neste último ámbito, a IA, fomos “os primeiros en aprobar unha Lei para regular a súa aplicación no sector público, ademais de atraer para a cidade da Coruña a sede da Axencia Europea de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA)”.
Así mesmo, resaltou que Galicia dará tamén un gran salto en materia de ciberseguridade, coa finalización o vindeiro ano da construción en Ourense do Centro de Ciberseguridade de Galicia (CECIGA), “un edificio que, en colaboración coas deputacións, coa FEGAMP, coas universidade, cos centros tecnolóxicos e de innovación e co tecido empresarial do sector, converterase no punto de encontro para calquera iniciativa neste eido que teña lugar na Comunidade”.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública concluíu lembrando que Galicia mobilizará máis de 2.450 millóns de euros coa Axenda Dixital 2030, entre fondos propios e da UE, para que estas tecnoloxías de alto impacto permitan unha Administración máis eficaz, máis personalizada e máis accesible.
