Miguel Corgos defende a IA como un dos motores de cambio da Administración

xoves, 13 de novembro do 2025 S. P.

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, defendeu este 13 de novembro a sostibilidade e a intelixencia artificial (IA) como ferramentas que están a transformar “de xeito substancial a forma de traballar na Administración pública”.
Fíxoo durante a inauguración das X Xornadas de Auditoría e Contabilidade en Galicia, onde lembrou que “ambos aspectos esixen a adaptación e renovación dos procesos, estruturas e normativas no labor das persoas auditoras”.
Sinalou que “a obriga de todas as empresas consideradas de interese público de presentar información sobre a súa sostibilidade e como afecta á súa evolución e resultados supón unha grande responsabilidade para os auditores, debido ao impacto que ten a consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e da Axenda 2030 no marco actual”, aseverou o conselleiro.
Engadiu que no contexto vixente das administracións públicas “é evidente a importancia das políticas de sostibilidade medioambiental no referido aos fondos europeos; en concreto, o Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR) inclúe como dous principios básicos da súa xestión o etiquetado verde e o de no causar prexuízo significativo”.
O conselleiro fixo tamén referencia ao outro tema en torno ao que xiran as xornadas, a intelixencia artificial, que “está a mudar radicalmente a nosa forma de traballar.” Esta ferramenta tecnolóxica “permite analizar con facilidade grandes cantidades de datos e, ademais, posibilita melloras na detección de riscos, o que ofrece maior exactitude nos resultados dos controis”, destacou, ao tempo que advertiu que o uso desta tecnoloxía “supón tamén asumir riscos sobre a privacidade e a seguridade dos datos, polo que é preciso, en todo momento, garantir que a cidadanía non perde o seu dereito á privacidade”.
Lembrou que Galicia é “a primeira rexión europea en regular a supervisión da IA, contando cunha norma que vela polos dereitos das persoas e mellora a eficacia da Administración e a súa relación coa cidadanía”.