Miguel Corgos e Julián Cerviño acompañan ao alumnado do CEIP Santa Baia nunha videoconferencia con Laponia
xoves, 19 de decembro do 2024
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, acompañou esta mañá ao alumnado do CEIP Santa Baia de Boiro nunha videoconferencia con Laponia. Esta actividade do Nadal, na que tamén estivo o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Julián Cerviño, forma parte das tradicionais conexións con Laponia que, entre os días 11 e 19 de decembro, realiza a Xunta.
Este ano, foron preto de 700 nenos e nenas de 20 concellos, os que participaron nesta iniciativa e tiveron a posibilidade de falar con Papá Noel, poucos días antes da Noiteboa.
Ademais dos alumnos de educación infantil dos diferentes colexios de Galicia, tamén tiveron a posibilidade de solicitar en directo os seus agasallos a Papá Noel as persoas adultas en situación de dependencia psíquica do Centro de Día e da Asociación Alume de Guitiriz, así como persoas usuarias da Asociación Pro-Minusválidos ASPROMOR de Ortigueira.
Con este tipo de experiencias, a Rede CeMIT da Xunta busca “converter estas aulas multimedia en puntos de encontro dos municipios e dar a coñecer todas as posibilidades que ofrece este tipo de espazos de comunicación e a tecnoloxía da que dispoñen”.