Miguel Corgos e María Martínez Allegue reivindican o importante papel que xogará o CECIGA en ciberseguridade
martes, 14 de abril do 2026
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitaron este martes 14 de abril as obras do futuro Centro de Ciberseguridade de Galicia (CECIGA) en San Cibrao das Viñas (Ourense). Alí, cualificaron o centro “como clave para converter Galicia nun territorio de vangarda das novas tecnoloxías e un espazo para o encontro e apoio de iniciativas de ciberseguridade”.
Tamén salientaron o papel que xogará “na especialización e para a colaboración coas deputacións provinciais e entidades locais, coas universidades e centros tecnolóxicos e de innovación, e co tecido empresarial do sector”.
Corgos subliñou que a ciberseguridade é un elemento “central e estratéxico do proceso de transformación tecnolóxica que temos en marcha en Galicia” e asegurou que o CECIGA “vai ser clave no fortalecemento da ciberseguridade na Administración pública, nas empresas e para a cidadanía, pero ademais vai apoiar a innovación no sector produtivo e impulsar o desenvolvemento do talento especializado nesta materia, por iso o centro deseñouse cunha dobre perspectiva, a da colaboración público-privada e a da especialización”.
Indicou que para a especialización contará con dous laboratorios, un para produtos con elementos dixitais e outro para a protección de infraestruturas e procesos produtivos fronte a riscos dixitais.
“Somos xa referente na intelixencia artificial”, lembrou o conselleiro de Facenda, “ao ser a primeira rexión de Europa en aprobar unha Lei para a Supervisión da Intelixencia Artificial e contar coa sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA)”. Coa construción do CECIGA, concluíu Miguel Corgos, “queremos que Galicia sexa tamén unha referencia na ciberseguridade”.
Pola súa banda, a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, explicou que as obras deste edificio atópanse ao 40% da súa execución total e o seu remate, segundo estiman os técnicos, se prevé para despois do verán.
Indicou que este centro, que conta cun orzamento de 6 millóns de euros, procedente de fondos europeos, caracterízase polas súas peculiaridades e complexidade na execución, o que supuxo o atraso da súa finalización. Trátase dunha estrutura ultralixeira que se pode desmontar e consta dunha envolvente lixeira e vidriada”, sinalou a conselleira, engadindo que este “non é un edificio administrativo convencional, pois ten unha arquitectura singular que busca eficacia operativa, seguridade, flexibilidade dos espazos e unha boa relación coa contorna”.
O complexo consta de 4 bloques arredor dun espazo central de acceso e circulación, o que permite acoller un programa mixto, é dicir, con capacidade para levar a cabo operacións de ciberseguridade, dispoñer de laboratorios e espazos para formación ou reunións.
