Miguel Corgos inaugura o II Congreso de Blockchain de Galicia ante 40 expertos-relatores e 800 asistentes
venres, 13 de setembro do 2024
Este 13 de setembro inaugurouse na Coruña, en PALEXCO, a segunda edición do Congreso Internacional de Blockchain, que reunirá durante dous días (hoxe e mañá sábado) importantes especialistas en tecnoloxías de cadea de bloques (unha das tecnoloxías disruptivas de meirande proxección en materia de ciberseguridade), regulamento e lexislación, fintech e economía colaborativa, entre outros ámbitos.
Está previsto que interveñan case medio cento de directivos de empresas nacionais e internacionais abordando os desafíos e oportunidades do ámbito blockchain e dando a coñecer as súas principais novidades. Empresas como por exemplo BitBase, DEXTools ou Tron, entre outras.
Na inauguración participou o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, quen dixo que Galicia “é pioneira na aprobación dunha lei específica para o desenvolvemento e impulso da Intelixencia Artificial, que establece o marco xurídico que facilita o uso desta tecnoloxía na Administración pública de forma segura, fiábel e centrada nas persoas”.
Durante a inauguración do II Congreso Internacional de Blockchain de Galicia, Miguel Corgos agradeceu aos 800 asistentes e aos preto de 40 expertos das empresas máis importantes de blockchain en Europa e Latinoamérica “por reunirse en Galicia, e amosar todo o que esta tecnoloxía pode facer para mellorar as nosas vidas e as oportunidades laborais que abre”.
O conselleiro salientou que a tecnoloxía blockchain representa “un salto na seguridade e viabilidade de calquera transacción”, o que servirá para chegar a acordos entre un gran número de actores a través de Internet. “E isto será posíbel porque a cadea de bloques garante que os procesos sexan inalterábeis, inmutábeis e públicos”, dixo, incidindo en que esta maior seguridade facilitará as transaccións, a transparencia e as operacións con todo tipo de activos a través das telecomunicación, non só dixitais, senón tamén os físicos. Así mesmo, lembrou que o seu impacto nos diferentes sectores económicos estase acrecentando de maneira exponencial, facéndose máis evidente conforme se estende o seu uso.
Miguel Corgos concluíu convencido de que o éxito desta segunda convocatoria permitirá impulsar este simposio como o foro tecnolóxico do norte de España.