Miguel Corgos lembra no Encontro CIBER.gal que a Xunta recibe cada segundo 7,5 intentos de ataques informáticos

mércores, 5 de novembro do 2025 S. P.

Galicia convértese ata o venres 7 de novembro no epicentro da investigación e o debate arredor da tecnoloxía protexida, grazas ao V Encontro Galego de Ciberseguridade (Encontro CIBER.gal) que arrincou este mércores 5, da man da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Serán tres días para afrontar algúns dos principais retos da tecnoloxía: como protexela e como protexer ás seus usuarios e ás informacións e comunicacións que acubilla.
Segundo lembrou a organización, “a ciberdelincuencia é a maior ameaza para a transformación dixital, ao por en risco a convivencia, a seguridade, os bens materiais e a integridade física e no Encontro CIBER.gal nomeados profesionais do sector compartirán prácticas para afrontar con éxito o reto que supoñen as novas formas de delincuencia na Rede”.
Miguel Corgos, conselleiro de Facenda (da que depende AMTEGA), engadiu que “dende a Xunta somos conscientes da magnitude do problema, xa que os sistemas de seguridade da Administración autonómica bloquearon en 2024 máis de 237 millóns de intentos de ataque, o que significa que a Administración galega recibe cada segundo 7,5 intentos para causar dano aos seus sistemas”.
Así o explicou o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, durante a clausura da xornada inaugural do Encontro CIBER.gal 2025.
Fronte a esta ameaza, explicou que “as Administracións públicas son responsables de garantir os sistemas cos que xestionan datos da cidadanía e proporcionan servizos”.
A Xunta afronta este desafío cunha visión transversal desde a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), que achega visión estratéxica e servizos de ciberseguridade coordinados, explicou Miguel Corgos.
Ante esta ameaza, ademais, é prioritario concienciar e crear confianza na cidadanía sobre o uso seguro das tecnoloxías, así como poñer a disposición das persoas e as empresas información e ferramentas para a seguridade dos sistemas de protección de datos. Para isto en Galicia se opta, afirmou o conselleiro de Facenda, pola colaboración público-privada. Deste xeito naceu, xa no 2012, o nodo CIBER.gal, que aglutina a máis de 50 empresas e institucións.
Miguel Corgos puxo tamén en valor o acordo marco de colaboración de ata 29 millóns de euros que permite que as entidades locais e as universidades utilicen sistemas e ferramentas de seguridade proporcionados pola Administración autonómica. No 2025, un total de 105 concellos e as catro deputacións utilizaron estes sistemas para identificar e cualificar riscos e ameazas, unha cifra catro veces superior á do ano anterior.
Explicou tamén que “a dispersión poboacional de Galicia presenta retos específicos de mobilidade, por iso a Xunta lidera os aspectos da ciberseguridade no transporte nun proxecto conxunto con Cataluña e a Comunidade valenciana, o Proxecto RETECH, para a creación dun Centro de Innovación en Competencia no ámbito da ciberseguridade”, do que Miguel Corgos adiantou que “xa foron asinados os contratos que van activar a posta en marcha dun laboratorio e centro demostrador transversal”. Estas dotacións, engadiu, “situarán a Galicia na vangarda da seguridade aérea de vehículos non tripulados, ou na seguridade e fiabilidade dos vehículos autónomos terrestres”.
Para o conselleiro, “Galicia ten outros retos específicos relacionados coa conectividade, cos servizos sociais ou coas actividades do sector primario, polo que o obxectivo é afrontar eses desafíos tendo en conta as implicacións relacionadas co territorio, concentrando medios e coñecemento; ademais de crear, manter e atraer talento dixital”.
Miguel Corgos aproveitou para confirmar que o vindeiro ano rematarase o Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia en Ourense (CECIGA), co que se reforzará a ciberseguridade na Administración pública, a cidadanía e as empresas, apoiarase a innovación no sector produtivo e impulsarase o desenvolvemento do talento especializado en ciberseguridade.
CIBER.gal
O V Encontro Galego de Ciberseguridade, organizado pola AMTEGA e o Nodo CIBER.gal, coa colaboración do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), reúne a persoas de recoñecido prestixio nacional e internacional, entre eles Bernardo Quintero, Bernardo Viqueira, Rosa Díaz ou Javier Candau, así como representantes do Parlamento Europeo, do Ministerio de Defensa e do Ministerio de Transformación Dixital, que achegarán a súa visión sobre os novos retos globais en materia de seguridade dixital.
Durante os tres días, grazas á colaboración do INCIBE, o público poderá gozar da experiencia itinerante Road Show e visitar un expositor de ciberseguridade interactivo, pensado para achegar coñecementos e boas prácticas a todo tipo de públicos.
Durante a última xornada celebrarase a final do concurso Ciberseguridade no cole! dirixido a escolares de 10 a 14 anos co obxectivo de conciencialos sobre os riscos aos que se enfrontan no uso das tecnoloxías dixitais e ensinarlles boas prácticas en ciberseguridade dun xeito ameno.