Miguel Corgos loa o labor dos empregados públicos para lograr unha administración innovadora
venres, 20 de decembro do 2024
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, enxalzou esta mañá o labor dos empregados públicos para lograr “unha administración máis eficiente, moderna e innovadora, capaz de satisfacer as necesidades da cidadanía”.
Fíxoo durante o acto de entrega da sexta edición dos Premios ao Empregado Público Innovador, nos que estivo acompañado do director xeral de Simplificación Administrativa, José María Barreiro e da directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Carmen Cotelo, o no que tamén destacou que varios dos proxectos gañadores en edicións anteriores do galardón xa están a ser aplicados.
Miguel Corgos subliñou que a Xunta “quere contribuír a lograr unha Administración pública do século XXI, dinámica, implantando condicións de traballo que conduzan a unha Función Pública galega moderna”. Seguindo este fío salientou a incorporación dunha nova categoría aos galardóns desta edición, Simplificación Administrativa, que responde “a unha vella demanda da cidadanía, a racionalización administrativa e a simplificación de procedementos mediante a axilización de trámites”, dixo.
Para o conselleiro, “o sector público non difire moito das empresas e do que as fai competitivas e para iso mellora os servizos e procesos nun esforzo colectivo, xa que son os empregados públicos os que fan o esforzo de pensar de xeito diferente para avanzar nunha administración máis innovadora e próxima á cidadanía”.
Miguel Corgos explicou que estes procesos comezaron coa capacitación, o cambio de cultura e a formación, seguiu coa creación de incentivos, como os premios que se entregaron este venres 20 de decembro, e “vai avanzar coa creación da comisión interdepartamental de I+D+i, un espazo de traballo no que están representados máis de 32 departamentos da Xunta”.