Miguel Corgos visita o GaiásTech e salienta o seu papel referencial como escaparate das firmas TIC

venres, 6 de setembro do 2024 S. P.

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, visitou este venres 6 de setembro as instalacións do GaiásTech, na Cidade de Cultura de Santiago. O conselleiro, na súa estadía, destacou o papel referente do centro como escaparate das tecnoloxías innovadoras e dos proxectos punteiros das nosas firmas TIC.
Na súa visita, Corgos, que tamén enxalzou a ampla carteira de servizos e actividades de balde do GaiásTech, deu a benvida ás alumnas e alumnos do obradoiro Girl STEAM organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG).
O conselleiro de Facenda, que estivo acompañado do director da AMTEGA, Julián Cerviño, e do presidente do CPETIG, Marcos Mata, destacou o papel destas iniciativas e puxo en valor outras que se canalizan a través das aulas CeMIT, rede creada en colaboración coa FEGAMP na que se ofrece formación e asesoramento gratuítos a todos os galegos e galegas, pero centrándose, de xeito prioritario, nos colectivos que teñen máis dificultades para acceder á tecnoloxía.
Colaboración, divulgación e formación
O centro GaiásTech colabora con actividades de formación dixital da cidadanía e iniciativas promovidas pola Rede CeMIT, como o caso dos obradoiros Girl STEAM, que teñen como obxectivo dar visibilidade ao rol da muller no eido tecnolóxico e incentivar a presenza das mulleres nas carreiras STEAM (siglas en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería, Artes e Matemáticas), así como espertar vocacións tecno-científicas entre as rapazas. Acolle tamén a Tech Kids, que comezou a semana pasada, e que está orientada a fomentar as vocacións tecnolóxicas entre a rapazada de entre 12 e 18 anos.
Avanzando o mes de setembro, celebrarase tamén A aventura que me espera: descubrindo a ciencia e a tecnoloxía, que ten como propósito dar a coñecer diferentes roles laborais que combinan a ciencia e a tecnoloxía, a partir da experiencia de dez mulleres que traballan en diversos eidos como o académico, o administrativo ou o empresarial.
Servizos do GaiásTech
O GaiásTech ofrece unha serie de servizos propios, como o Mapa de Capacidades Dixitais de Galicia, un directorio de axentes tecnolóxicos de Galicia con experiencia, que actualmente conta con máis de 350 entidades, máis de 1400 produtos e servizos e 78 tecnoloxías.
O centro permite a organización de actos, tanto presenciais como en liña, proporcionando o apoio necesario en todas as etapas do proceso, desde a cesión dos espazos, que Miguel Corgos visitou, como auditorios e aulas, ata o soporte na comunicación do evento, en infraestruturas ou técnico.