Miles Morales poderá vestir o traxe de Un Nuevo Universo

venres, 30 de outubro do 2020 Marcus Fernández

A poucos días do lanzamento da PlayStation 5 e, en consecuencia, do xogo Spider-Man: Miles Morales, xorde un novo tráiler no que amosan a posibilidade de vestir ao protagonista do xogo co traxe que presenta no filme de animación Spider-Man: Un Nuevo Universo, elemento que ofreceríase de balde aos que adquiran o xogo de xeito anticipado, o que xerou bastante rebumbio xa que esta skin do xogo non se limita a mudar a aparencia de Miles Morales, senón que tamén reduce a velocidade de fotogramas do personaxe para simular a técnica de animación empregada no filme de 2018.
A reacción do público ante tal efecto visual foi bastante mala, o que levou a que un dos responsables de comunicación de Insomniac Games tivese que comentar que a modificación da velocidade de fotogramas de Miles Morales ao vestir o traxe de Un Nuevo Universo é opcional, ou sexa, que pode desactivarse. En calquera caso, haberá moitos usuarios que agradecerán o detalle de que o xogo reflicta o estilo de animación da película, pois supón un coidado ao detalle ao que non estamos afeitos, de aí que non sorprenderá que os xogadores que coñecesen a este Spider-Man na pantalla grande opten por xogar a Spider-Man: Miles Morales empregando o seu traxe cinematográfico e deixando activado o efecto visual que para algúns resulta molesto, mentres que para outros é unha xenialidade.

Vídeo no que presentan o novo traxe de Miles Morales no videoxogo de PS4/PS5

PUBLICIDADE