Milladoiro converteuse en capital da innovación e a tecnoloxía que se comparten

mércores, 7 de febreiro do 2018 Fernando Sarasketa

Finalmente a Casa da Cultura de Milladoiro foi, o pasado 2 de febreiro co gallo da xornada Innovames organizada polo Concello de Ames, un fervedoiro de cultura Maker. Ou sexa, da cultura de faino coas túas mans. Por que motivo? Pois por varias razóns: porque se fixo un convite integral a crear colectivamente tecnoloxías (sen límites autoimpostos), porque se compartiron coñecementos a esgalla e porque se reivindicou un tipo de recursos tecnolóxicos doados de empregar e de entender por xente de todas as idades e formacións. Ademais, abríronse xanelas ás principais correntes tecnolóxicas futuras: foi como albiscar como serán as/os makers de dentro dunha década.
Segundo nos conta o Concello, a programación matinal estivo adicada aos profesionais do sector, mentres que pola tarde, entre as 16:00h e as 20:00 horas, as actividades e obradoiros estiveron destinados a un público familiar.
Innovames, que contou coa presenza de grandes referentes da innovación a nivel galego, nacional e internacional, completouse cunha exposición de proxectos do evento Maker Faire Galicia 2017 e cunha demostración de experimentos científicos. O alcalde José Miñones foi o encargado de inaugurar a cita, mentres que a concelleira de Promoción Económica, Isabel González, clausurou a xornada da mañá.
O obxectivo foi achegar as últimas tendencias do mundo da innovación a todos os públicos, “xerando un espazo para a aprendizaxe e o diálogo” e abranguendo conferencias e mesas de debates centradas na tecnoloxía, na innovación, no audiovisual e na utilización de novos materiais.
O rexedor, na xeira de mañá, salientou moi positivamente o feito de que Ames acubillase un evento destas características, por dous motivos fundamentais: “Por unha banda, porque son profesor da USC no eido da nanotecnoloxía e antes de ser profesor era investigador nesta mesma universidade; e segundo motivo é que a través deste evento temos a oportunidade de dar a coñecer as empresas do Polígono Novo Milladoiro, no que abundan compañías relacionadas coa tecnoloxía e o audiovisual”. Segundo engadiu, o complexo empresarial de Milladoiro “xa se comeza a coñecer co nome de Milladoiro Valley”, xa que cada vez son máis as empresas que elixen este parque empresarial para medrar. “Podemos dicir que proximamente instalarase en dito polígono unha importante empresa de informática con máis de 100 traballadores”, avanzou, enxalzando de seguido a importancia de innovar, porque “innovar é avanzar, avanzar e medrar e medrar é Ames”.
Sobre as 10:00 horas celebrouse un relatorio sobre as posibilidades da nanotecnoloxía nunha manchea de sectores. Sonia Pazos Álvares do INL (International Iberian Nanotechnology Laboratory), foi a encargada de dar a coñecer todo o que se está a facer neste centro de referencia internacional. O programa matinal incorporou, así mesmo, a presenza de diferentes representantes de empresas asentadas no polígono Novo Milladoiro como é o caso de NanoGap, Escenoset, Cartogalicia, CineMar films ou Zenit, entre outras. Estas firmas ofreceron cadanseu punto de vista sobre o estado da innovación nos seus respectivos sectores.
A maiores, a xornada, como dixemos, deu acubillo a un espazo de exposicións no que se mostraron exemplos salientábeis de enxeños maker galegos, coa presenza de argalleiros creadores de proxectos de innovación de referencia. A programación matinal rematou cunha sesión de networking, que buscou a creación de sinerxías entre empresarios, empresarias e makers asistentes.
A concelleira de Promoción Económica, Isabel González, destacou no acto de clausura da mañá que “coa creación de Innovames”, o Concello de Ames “buscou poñer en valor os recursos e a capacidade de innovación da nosa Comunidade, fomentando a sinerxía e a colaboración entre as empresas e inventores galegos, e dando a coñecer ao público xeral o capital maker que atesouramos”. A edil tamén incidiu “no gran capital empresarial que ten o parque Novo Milladoiro” con “grandes empresas que traballan no desenvolvemento tecnolóxico e que se basean na innovación”. Ademais, adiantou que dende o seu departamento xa están a traballar na vindeira edición deste evento que pretenden consolidar no concello de Ames.
As actividades programadas para a tarde estiveron enfocadas para un público familiar, coa realización de diferentes actividades e obradoiros orientados ás máis cativas e cativos: demostracións de ciencia, realidade virtual, obradoiros de robótica, videoxogos, un espazo para programar aplicacións móbiles. Na mostra de enxeños da Maker Faire Galicia 2017 participaron as entidades 3D Limitless, MAKEROID, Arcade Pi, B.R.A.I.S, I.E.S Sánchez Cantón, MINIMO, IOTLAB, PSICOVR e SPAINLABS. A programación tamén incluíu unha demostración de experimentos científicos. Despois da organización do Roteiro Maker de decembro de 2016, este é o segundo evento deste tipo organizado polo Concello de Ames.

PUBLICIDADE