Minecraft Earth chega a España

mércores, 20 de novembro do 2019 Marcus Fernández

Dende hoxe está dispoñible en España o acceso anticipado a Minecraft Earth, a versión free-to-play de Minecraft para móbiles que integra tecnoloxía de realidade aumentada, e que podemos descargar de balde para Android e para iOS.
Esta nova versión de Minecraft está a espallarse internacionalmente de xeito progresivo, á vez que recibe novas melloras en función da resposta dos usuarios.
Entre as funcionalidades que veñen de engadir figuran as Aventuras (pequenas porcións de mundos Minecraft xerados de xeito automático e por tempo limitado, que poden xogarse en realidade aumentada a tamaño real, estando optimizadas para ser experiencias multixogador social), novas variantes de criaturas (mobs), poder fundir minerais en lingotes e poder fabricar obxectos en vez de ter que colleitalos.
En Minecraft Earth permite crear, explorar e sobrevivir no mundo real e mesmo formar equipo con outros xogadores, no que poderiamos describir como unha aproximación de Minecraft a Pokémon Go, conseguindo chamar a atención dos usuarios ao permitirlles colocar as súas construcións no mundo real grazas á realidade aumentada.

Tráiler de Minecraft Earth

PUBLICIDADE