Minecraft chega esta semana ás consolas de nova xeración

venres, 5 de setembro do 2014 Marcus Fernández

O fenómeno do mundo dos videoxogos máis salientable dos últimos anos é para moito o xogo Minecraft, que pese a ser unha produción independente, conseguiu un grande impacto global, especialmente entre os máis novos, e o feito de que os seus gráficos fosen moi básicos non fixo que a súa demanda entre os usuarios de novas consolas fose reducida, e esta semana o título de Mojang estreouse nas consolas de nova xeración.
Minecraft PS4 Edition foi a primeira versión de nova xeración en ver a luz esta semana, a través da PlayStation Store a un prezo de 18,99 euros, aínda que os usuarios que posúan Minecraft PS3 Edition (en soporte físico ou descargable) poden actualizar directamente á versión de PS4 pagando só 3,99 euros. Pero o prezo rebaixado non é a única vantaxe que se ofrece aos anteriores xogadores de Minecraft, senón que tamén será posible importar as partidas gardadas para continualas na nova consola.
A mesma xogada fixo Microsoft, e Minecraft: Edición Xbox One púxose hoxe mesmo á venda por 18,99 euros, tamén con rebaixa para os usuarios que tiveran o xogo en Xbox 360. Os usuarios de Xbox 360 que agora gocen do xogo na Xbox One tamén poderán descargar de balde os contidos descargables que adquirisen anteriormente e importar a súas vellas partidas (neste último caso é preciso ter instalada a última versión de Minecraft: Edición Xbox 360 para poder exportar as partidas gardadas).

PUBLICIDADE