Minecraft estrea versión para Chromebook

mércores, 7 de xuño do 2023 Marcus Fernández

O Minecraft non só é un dos xogos máis populares de todo o mundo, senón que tamén destaca por estar presente nun grande número de plataformas, ás que agora podemos engadir os Chromebooks, ordenadores portátiles cun sistema operativo de Google baseado na web, que gozan de grande popularidade especialmente no sector educativo estadounidense.
Os usuarios dun Chromebook poden acudir agora á Google Play Store e facerse con Minecraft: Bedrock Edition, o que ábrelles as portas do Minecraft Marketplay e a posibilidade de xogar nos Realms. O xogo precisa para funcionar como mínimo ChromeOS 111, 4 GB de RAM e 1 GB de almacenamento libre, polo que practicamente funciona en todos os Chromebooks vendidos nos últimos 3 anos.
Cómpre salientar que os usuarios que paguen polo xogo para Chromebook non terán que volver pasar por caixa no xogo para Android sempre que se identifique coa mesma conta en ambas plataformas.

Vídeo co que anuncian a chegada de Minecraft aos Chromebooks

PUBLICIDADE