Minicadea con pantalla xiratoria para levala connosco no verán
xoves, 7 de agosto do 2008
Airis, a marca especializada en
informática e electrónica de consumo, vén de presentar a nova minicadea multimedia
Airis L204 que inclúe unha pantalla LCD TFT de 7 polgadas rotatoria.
Cun peso de algo máis de 2 quilos, a empresa fabricante define este
dispositivo como “o complemento perfecto
para levalo a calquera lugar nestas vacacións e poder escoitar música, ver
películas e fotos e incluso ver a televisión”.
O aparello Airis L204 presenta un deseño exterior compacto e lixeiro, con
reducidas dimensións: 250x185x111mm) e é quen de reproducir todo tipo de
formatos de audio (MP3, WAV, WMA) e os clásicos Audio CD. Asemade inclúe radio
FM con 30 presintonías para memorizar distintas emisoras e incorpora un
reprodutor multimedia con soporte para os formatos máis empregados de vídeo.
Porén o máis destacado deste novo modelo de minicadea é a súa pantalla
xiratoria, que pode ser vista dende distintos ángulos sen ter que mover todo o
dispositivo.
Asemade, inclúe un sintonizador de televisión que recolle tanto sinal
analóxica como dixital (TDT) e distribúese cun mando a distancia co que
manexalo de xeito doado.
Este produto xa está dispoñible no mercado a través do catálogo Airis e ten
un prezo de 199 euros (IVE incluído).