Miño presume de coworking na visita ás instalacións da deputada de Emprego
venres, 15 de novembro do 2024
A deputada de Emprego, Industria, Política Demográfica e Medio Ambiente, Rosa Ana García, visitou este venres 15 de novembro a Casa do Pescador de Miño, o último espazo integrado na Rede Provincial de Espazos de Coworking da Deputación da Coruña, destinado a fomentar o desenvolvemento económico e empresarial no municipio.
Durante a súa estadía, a deputada puido coñecer de primeira man os recursos e servizos dispoñíbeis para emprendedores e emprendedoras da zona e destacou a que Rede conta xa con 11 centros de coworking na provincia, nos que se impulsan actualmente preto de 80 proxectos emprendedores.
A deputada foi recibida no Coworking Miño – Casa do Pescador polo concelleiro José Manuel Pantín, responsábel da área de Deporte, Turismo, Promoción Económica e Mocidade do Concello de Miño, quen detallou o obxectivo deste centro impulsado polo Concello e que conta coa colaboración da entidade provincial: ofrecer unha contorna colaborativa para iniciativas emprendedoras e novas empresas. Pantín destacou a importancia do coworking para dinamizar a economía local e atraer a novos talentos, fomentando a innovación e o emprego xuvenil na contorna.
Segundo salientou o concelleiro, este espazo está deseñado para fomentar o desenvolvemento económico local e apoiar a creación de empresas, en especial nos ámbitos do turismo, novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación, dixitalización e profesións técnicas.
O Coworking Casa do Pescador é un espazo de traballo compartido situado na rúa Curro nº 33, que ofrece unha ampla gama de servizos e infraestruturas comúns para “mellorar as oportunidades de crecemento e éxito empresarial das persoas usuarias”. Conta con 12 postos de traballo compartidos, salas de xuntas, aula de formación e zonas comúns como o vestíbulo, a zona de reprografía e os espazos de descanso. Os servizos dispoñíbeis inclúen asesoramento e formación para persoas emprendedoras, mentoring, organización de actividades de networking, ademais do acceso a Wi-Fi, servizos de reprografía e zonas para videoconferencias. Ademais, as persoas usuarias poderán colaborar a través dun “banco de tempo”, contribuíndo con actividades que beneficiaran a toda a comunidade do coworking.