Mira Prism, un casco de realidade aumentada para o iPhone 7

martes, 18 de xullo do 2017 Marcus Fernández

Hai poucas semanas comentamos como un proxecto de micromecenado buscaba trasladar o concepto do cartón de Google á realidade aumentada cun accesorio de baixo custo, o Aryzon, e agora temos unha solución semellante centrado no iPhone 7, que chegará a desenvolvedores no outono e ao público xeral antes do Nadal a un prezo de 99 dólares en reserva (149 dólares cando se poña á venda oficialmente).
O Mira Prism ten como grande vantaxe que a vindeira actualización de iOS inclúe ARkit, ou sexa, tecnoloxía para o desenvolvemento de aplicacións de realidade aumentada, prestación da que o Prism poderá tirar proveito, pero transformando a realidade aumentada nunha experiencia holográfica ao proxectar a imaxe do iPhone nunhas lentes nas que a pantalla do teléfono se reflexa, conseguindo que as imaxes xeradas no móbil poidan superpoñerse na realidade que captan os nosos ollos.
Este curioso casco de realidade aumentada tamén inclúe un mando a distancia con control de movemento para facilitar o manexo deste produto na liña de como se fai cos cascos de Daydream ou coa última versión das Gear VR de Samsung.
Dende Mira aseguran que a súa solución permitirá experiencias para un xogador ou varios, compartindo todos un mundo virtual común, ou sexa, que podería considerarse como unha versión moi económica das HoloLens de Microsoft, o que reduce o suficiente a barreira de entrada como para que público e desenvolvedores comecen a introducirse neste tipo de tecnoloxía cun grande potencial de futuro.

Aparte do lecer, a realidade aumentada tamén pode ter grandes aplicacións didácticas

Vídeo promocional de Mira Prism

PUBLICIDADE