Mobify amplía a súa frota de vehículos eléctricos e estrea podcast

xoves, 19 de xuño do 2025 Redacción

A empresa galega Mobify protagoniza unha expansión sen precedentes no sector da mobilidade compartida ao incrementar nun 600 % a súa frota en apenas un ano, apostando decididamente pola electrificación e a eficiencia enerxética. O crecemento vén da man dunha alianza estratéxica coa multinacional BYD, líder mundial en vehículos enchufables e tecnoloxía de baterías, que achegou 17 vehículos 100 % eléctricos á nova frota da compañía.
Este salto tecnolóxico permite a Mobify operar xa con 70 vehículos híbridos e eléctricos, todos eles equipados con tecnoloxía de última xeración e etiquetas ambientais, o que sitúa a Galicia na vangarda da mobilidade sustentable. A nova frota permite ampliar servizos na Coruña, Ourense e, como novidade, tamén en Santiago de Compostela, cubrindo así os principais polos urbanos da comunidade.
A incorporación dos vehículos de BYD supón tamén unha aposta pola conectividade e a eficiencia: os novos modelos contan con alta autonomía, sistemas intelixentes de xestión da enerxía e soporte técnico especializado en Galicia grazas á colaboración co Grupo Pérez Rumbao. Mobify non só mellora así a cobertura territorial, senón tamén a experiencia de usuario cun servizo máis cómodo, competitivo e personalizado, incorporando mesmo opcións como cadeiras infantís ou reservas dinámicas.
Este proceso de renovación e escalado tecnolóxico ten unha lectura máis ampla: a empresa reivindica a necesidade dunha normativa municipal áxil e adaptada á realidade dos vehículos compartidos. Segundo datos da compañía, os vehículos privados apenas se usan nun 3 % da súa vida útil, fronte ao 60 % dos vehículos compartidos, o que podería reducir o parque móbil urbano ata vinte veces e recortar as emisións contaminantes nun 65 %.
A presentación oficial da nova etapa tivo lugar no evento Circomoción, celebrado no Xardín Botánico de Ourense, onde Mobify e axencia SOC Comunicación combinaron espectáculo, tecnoloxía e mensaxe social. A cita serviu tamén para estrear o podcast itinerante E ti de quen vés sendo?, conducido polo influente Gabi García, a bordo dun dos novos vehículos eléctricos.

O novo podcast de Mobify