Mobify e o Clúster de Turismo de Galicia xuntan forzas a prol dun novo tipo de mobilidade turística e tecnolóxica
mércores, 15 de abril do 2026
O Clúster de Turismo de Galicia e a empresa galega de carsharing Mobify, que dá nome á popular aplicación móbil de mobilidade, presentaron en Santiago oficialmente un convenio de colaboración estratéxica deseñado para liderar a transición cara a outro tipo de desprazamentos pola comunidade galega de menor custe, máis eficientes e eficaces e máis respectuosos co medio ambiente.
O acto foi encabezado por Cesáreo Pardal, presidente da agrupación industrial, e José Manuel Martínez, director executivo (CEO) de Mobify.
Supón, sinalaron, “o punto de partida dunha solución sen precedentes no sector turístico español”.
Indicaron que “esta alianza vai moito máis alá que converter os establecementos turísticos en simples puntos de recollida e entrega de vehículos”. Así, engadiron, “cada hotel, casa rural, albergue ou complexo turístico adherido poderá dispoñer de vehículos Mobify en exclusiva para os seus hóspedes, estacionados nas súas propias instalacións e listos para ser utilizados en calquera momento”.
As axencias de viaxes, pola súa banda, terán a posibilidade de integrar o servizo nos seus paquetes vacacionais, ofrecendo a mobilidade como un servizo diferencial incluído desde o primeiro día da viaxe.
A orixe desta colaboración está nunha demanda concreta de Caldaria, referente no turismo de benestar e termal de Galicia, quen fixo chegar ao equipo de Mobify a dimensión real dunha necesidade que o sector arrastraba en silencio: a imposibilidade de ofrecer aos seus hóspedes unha mobilidade autónoma, flexible e sostible en contornas rurais sen transporte público eficiente.
Caldaria foi o primeiro de varios complexos turísticos en confiar nesta visión e en poñer a disposición o desenvolvemento do modelo que hoxe se presenta a escala autonómica. “A súa experiencia permitiu a Mobify entender as esixencias reais do sector: a necesidade de vehículos dispoñibles no propio establecemento, a importancia da inmediatez na xestión, e o valor que a mobilidade verde achega á experiencia global do cliente”, explicaron.
Martínez apuntou que a proposta de Mobify para o sector turístico galego articúlase en dous eixos complementarios que redefinen o concepto de mobilidade turística.
En primeiro lugar, os establecementos turísticos adheridos ao convenio (hoteis, casas rurais, albergues, balnearios, complexos de turismo activo) poderán solicitar a asignación de vehículos Mobify en exclusiva para os seus hóspedes. Estes vehículos permanecerán estacionados nas propias instalacións do establecemento, listos para usar as 24 horas do día, sen necesidade de desprazarse a ningún punto de recollida externo. O hóspede pode reservar, acceder e utilizar o vehículo integramente desde a aplicación móbil de Mobify, en menos de dous minutos e sen interacción presencial.
En segundo lugar, as axencias de viaxes e operadores turísticos terán a posibilidade de incluír o servizo nos seus paquetes vacacionais de Galicia, “integrando a mobilidade sostible como un servizo de valor engadido”.
A proposta non se circunscribe aos vehículos eléctricos, senón que abrangue un concepto “máis amplo e pragmático de nova mobilidade”. Deste xeito, a frota inclúe vehículos híbridos e eléctricos de última xeración (con modelos SUV premium), adaptados ás diferentes necesidades, distancias e tipoloxías de destino. “Esta diversidade garante cobertura tanto en contornas urbanas como en roteiros de interior e costa, onde a infraestrutura de recarga eléctrica aínda está en proceso de maduración”, valoran dende a empresa e máis dende o Clúster, lembrando que o impacto ambiental acumulado por Mobify xa ten cifras concretas: máis de 1.500.000 quilómetros percorridos (equivalentes a 37 voltas ao mundo) e 180 toneladas de CO2 eliminadas en Galicia. Ademais, o servizo xa ten 20.000 usuarios rexistrados (en 2025).
Mobify e o Clúster engaden que a tecnoloxía é “o corazón operativo desta alianza”. Así, a través da aplicación móbil da empresa (de desenvolvemento propio e operativa para iOS e Android), o viaxeiro xestiona todo o ciclo de uso de forma completamente autónoma: procura do vehículo, reserva en tempo real, apertura dixital e pago ao finalizar, sen interacción presencial, sen esperas e sen burocracia. “O proceso completo leva menos de dous minutos desde a primeira vez; nos usos sucesivos, apenas uns segundos”, salientan dende Mobify, destacando que “o sistema foi probado con éxito en enclaves emblemáticos como o Hotel O Semáforo de Fisterra, validando nunha contorna de alta esixencia turística tanto a robustez tecnolóxica como a experiencia de usuario”.
A seguridade está apoiada por verificación de identidade dixital, monitoraxe do vehículo en tempo real, cobertura de seguro integral e soporte ao cliente 24 horas.
