Mobilizada unha nova liña de axudas directas ás empresas para reforzar o seu pulo innovador

luns, 23 de maio do 2022 S. P.

O Goberno galego vén de anunciar unha nova liña de axudas directas destinada a microempresas e pemes que ten como obxectivo “mellorar con carácter inmediato a súa capacidade de innovación como ferramenta para fomentar a competitividade empresarial en Galicia”. Cun orzamento dun millón de euros, os Bonos de Innovación pretenden chegar a 50 beneficiarios poñendo o foco nas firmas que incorporan por primeira vez o factor transformador na súa estratexia. Amais, preténdese “dar visibilidade á innovación oculta que se está a realizar na actualidade en moitas pemes galegas”.
O novo programa da axencia GAIN enmárcase dentro do compromiso da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia 2027. Segundo informou a Axencia Galega de Innovación que dirixe Patricia Argerey, as micro e pequenas empresas “son unha prioridade da RIS3 e por iso define itinerarios de apoio completo que respondan á heteroxeneidade do tecido empresarial e que apoien nos diferentes estadíos nos que se atopan as empresas que empezan a innovar”.
GAIN engade que esta axuda “xorde tras o éxito de InnovaPEME” e “como resposta ás necesidades concretas daquelas compañías que aínda non contan cos medios e capacidades para participar nesta convocatoria”.
A axencia tamén fai saber que estes bonos complementarán as capacidades das empresas a través da contratación de servizos externos, ben a través de servizos de apoio á innovación (incluídas actividades para a protección do coñecemento, transferencia tecnolóxica, comercialización ou desenvolvemento de produtos e servizos, por exemplo), ben con servizos como a xestión do financiamento da innovación (tramitación de incentivos e beneficios fiscais para a I+D+i ou de presentación de axudas estatais, europeas ou internacionais de I+D+i).
As axudas, de concorrencia competitiva, cubrirán o 70% do custo elixíbel e chegarán a un máximo de 35.000 euros no caso do bono de servizos e 10.000 no de xestión. Os criterios de valoración terán en conta as características da empresa solicitante, a experiencia previa en innovación, así como a avaliación obxectiva de cada proxecto.

PUBLICIDADE