Modern Warfare 2 foi o xogo máis pirateado do ano

mércores, 30 de decembro do 2009 Marcus Fernández

Nas redes de intercambio de ficheiros conviven contidos de distintos tipo e procedencia, non faltando entre os mesmos videoxogos que circulan sen consentimento das súas compañías, librándose unicamente desta problemática a PlayStation 3, consola que permanece invulnerable á piratería, e dende TorrentFreak molestáronse en recompilar información ao respecto de distintas fontes para elaborar unha listaxe cos 5 xogos máis pirateados para PC, Xbox 360 e Wii a través da rede P2P BitTorrent, resultando coma claro vencedor o Modern Warfare 2 para PC con 4,1 millóns de descargas rexistradas, seguido polos xogos para PC The Sims 3, Prototype, Need For Speed Shift e Street Fighter IV, superando este último incluso o xogo máis descargado para Wii, New Super Mario Bros, con 1.150.000 copias, ao que seguiría a versión para Xbox 360 de Modern Warfare 2 con 970.000 descargas.
Resulta curioso que, mentres a Xbox 360 ten fama de ser unha consola de videoxogos moi pirateada, os xogos para Wii parecen estar a ter un volume de descargas superior, reflectindo así que os datos relativos e os absolutos debuxan panoramas moi distintos. Entendemos así que a proporción de usuarios que piratean xogos para Wii é menor que a da Xbox 360, pero ao contar Nintendo cunha base de consolas moi superior, as descargas de Wii están en rangos máis elevados.

PUBLICIDADE