Modern Warfare III destaca entre os xogos de PlayStation Plus de xullo
mércores, 1 de xullo do 2026
Os subscritores de PlayStation Plus poderán incorporar á súa biblioteca tres novos xogos durante o mes de xullo. A selección estará dispoñible entre o 7 de xullo e o 3 de agosto para todos os membros do servizo e inclúe o shooter Call of Duty: Modern Warfare III, o RPG estratéxico For the King II e a aventura de acción CrossCode.
Call of Duty: Modern Warfare III (PS5 e PS4) achega unha nova campaña que continúa os acontecementos de Call of Duty: Modern Warfare II, na que o capitán Price e a Forza Operativa 141 deben deter ao ultranacionalista Vladimir Makarov. O apartado multixogador recupera os 16 mapas orixinais de Modern Warfare 2 (2009), actualizados con melloras gráficas, novos modos de xogo e mecánicas renovadas. O modo Zombies incorpora por primeira vez unha experiencia cooperativa de mundo aberto na que varios equipos colaboran para sobrevivir no maior escenario desta modalidade creado ata o momento.
For the King II (PS5 e PS4) propón unha nova aventura ambientada no reino de Fahrul, onde a raíña Rosomon converteu os seus antigos súbditos en escravos mentres establece alianzas con forzas malignas. O título permite xogar en solitario ou en cooperativo para ata catro participantes, combinando elementos de RPG, roguelite e xogos de mesa. Esta continuación emprega un motor gráfico renovado e introduce novas mecánicas para ampliar as posibilidades de exploración e combate.
CrossCode (PS5 e PS4) completa a selección cun RPG de acción en 2D de estética inspirada nos 16 bits. O xogo combina combate en tempo real, resolución de crebacabezas e unha historia de ciencia ficción, xunto cun amplo sistema de progresión baseado na obtención de equipamento e habilidades. Os xogadores deberán explorar alxubes, descubrir as debilidades dos inimigos e personalizar o seu estilo de combate mediante diferentes combinacións de armas e capacidades.
