Modernización e AGESTIC promoven a factura electrónica, a sinatura dixital e o DNIe en 5 parques empresariais da Coruña

mércores, 10 de novembro do 2010 Redacción

JPEG - 175.2 KB
O delegado da Xunta na Coruña, Diego Calvo, e o presidente de Agestic, José María López Bourio presentaron esta iniciativa

A Secretaría Xeral de Modernización e a Asociación Galega de Empresas TIC (AGESTIC), promoven o uso da factura electrónica, a firma dixital e o DNI electrónico en cinco parques empresariais da provincia a través do proxecto Difundetic PEME, un servizo móbil de demostración tecnolóxica.
O delegado da Xunta na Coruña, Diego Calvo, e o presidente de AGESTIC, José María López Bourio presentaron hoxe na Delegación Territorial esta iniciativa, que ten como obxectivo concienciar ás empresas da necesidade de empregar as novas tecnoloxías para gañar en competitividade e rendibilizar un proceso de cambio nas súas tarefas diarias.
Para dar a coñecer estas ferramentas entre os empresarios, a unidade móbil do proxecto Difundetic PEME percorrerá 20 localidades galegas nas que realizará un total de 40 actuacións de difusión. Na provincia da Coruña, estas accións levaranse a cabo a partir da próxima semana nos parques empresariais de A Pobra do Caramiñal (Tomada), Santa Comba, Carral (Os Capelos), Coirós e Ortigueira (Cuíña). En total, está previsto que participen arredor de 100 profesionais. En especial a iniciativa diríxese ás empresas daqueles sectores potencialmente significativos da industria en xeral, tales como pequenas industrias do metal, serradoiros, fabricantes de mobles, carpinterías metálicas, estruturas, etc.
A factura electrónica, a firma dixital e o DNI electrónico son ferramentas aínda descoñecidas pola meirande parte dos empresarios galegos e que permiten realizar trámites completos coas administracións públicas en calquera momento, sen ter que desprazarse nin facer colas, o que redunda nunha mellor e máis áxil relación con administracións, provedores, clientes e entidades financeiras. Ademais, no caso das facturas, que son o único xustificante fiscal das empresas para obter a dedución do IVE, o formato electrónico dota a este documento de condicións de seguridade que non ten na súa versión en papel.
No marco do Programa de Axudas para o sector TIC, a Secretaría Xeral de Modernización destina 900.000 euros a actividades de difusión da sociedade da información, dentro da que se enmarca esta iniciativa. Esta é unha das catro liñas do programa de fomento das TIC do Executivo autonómico, que completan o fomento da empresa dixital, as axudas específicas para o sector TIC e as subvencións de contidos dixitais. En total, a Xunta subvenciona 300 proxectos de ámbito tecnolóxico por importe de 7,6 millóns de euros.
Diego Calvo resaltou a importancia das TIC como elemento esencial para a competitividade das empresas nun mercado cada vez máis globalizado. Neste senso, destacou a importancia de fomentar a formación en novas tecnoloxías das empresas galegas, independentemente do seu tamaño e a súa ubicación, para aproveitar todas as vantaxes que ofrecen as TIC. «Nunha economía tan globalizada, as empresas non poden subsistir sen manexar a Internet para a xestión dos seus recursos e non sempre teñen acceso aos medios necesarios ou están afastadas dos lugares onde normalmente se imparten cursos de formación», apuntou o delegado.

PUBLICIDADE