Modos está a desenvolver un portátil con pantalla de tinta electrónica

luns, 13 de xuño do 2022 Marcus Fernández

Durante moitos anos houbo iniciativas que apostaron pola tecnoloxía de tinta electrónica como xeito de presentar contidos en pantalla procurando unha menor fatiga visual, e aínda que o normal é que esta tecnoloxía se empregue en lectores de libros electrónicos, tamén está presente en tabletas, e agora dende Modos están a traballar nun prototipo do futuro Paper Laptop, un ordenador portátil que contaría cunha pantalla de tinta electrónica sen retroiluminación.
Esta proposta non só quere que a vista do usuario estea máis relaxada consumido contidos principalmente de texto, senón que, ao ter limitacións para a reprodución multimedia, tamén pode verse como unha solución orientada a escenarios nos que a concentración sexa importante, construíndo contornos máis produtivos.
O proxecto de Modus está baseado en hardware aberto e software libre, e para conseguir facerse realidade está a buscar colaboradores que formen parte do seu programa piloto, para poder probar este portátil na súa primeira iteración, estando actualmente en fase de prototipado.
Está por ver se no futuro este concepto prospera e rematamos véndoo con pantallas a cor de tinta electrónica, polo que o potencial deste desenvolvemento é algo que podemos ter moi en conta, aínda que non vaia dar pé a produtos de consumo masivo e limítese simplemente a dispositivos para usuarios que busquen unha informática diferente.

Demostración da tecnoloxía de tinta electrónica aplicada a un ordenador portátil

PUBLICIDADE