Monforte acolleu un Demo Day de innovación co gallo do peche do seu cuarto coworking

venres, 19 de xullo do 2019 Fernando Sarasketa

Este 17 de xullo celebrouse a clausura do cuarto Coworking-Ribeira Sacra de Monforte, no Centro Cívico da localidade lucense. O acto veu con feitura de Demo Day, ou sexa, de xornada de demostración. Ao seu abeiro, presentáronse os 19 proxectos xurdidos das diferentes xornadas técnicas, tecnolóxicas e formativas que deron comezo o pasado mes de xaneiro en Expolemos. A través destas xornadas adestrouse aos participantes en redes sociais, comercio electrónico, mercadotecnia dixital ou micromecenado (uso de plataformas para obter financiamentos das comunidades en liña).
O espazo de traballo colaborativo de Monforte contou co apoio do IGAPE (Consellería de Economía e Industria), da Escola de Organización Industrial do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, do Fondo Social Europeo e do Concello de Monforte de Lemos. No acto de clausura participaron representantes do IGAPE, da EOI e a tenente de alcalde do Concello de Monforte, Gloria Prada. Tamén interveu o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro.
En total participaron na cuarta edición da iniciativa 22 profesionais-emprendedores. Ao longo da súa estadía recibiron gratuitamente asesoramento e apoio integral para poder poñer en marcha as súas empresas. Durante estes meses tivo celebráronse os seguintes obradoiros: Lean Start Up: Avaliación e validación do teu plan de negocio; Crowfunding, Estratexias de comunicación en redes sociais, Creatividade e innovación, ou Como poñer en marcha un plan de marketing dixital. Tamén se celebraron sesións grupais sobre Finanzas para emprendedores non financieiros, Habilidades de Comunicación, e Xestión do talento nun proxecto emprendedor.
Finalmente foron 19 os proxectos que se materializaron en empresas que xa comezaron a súa andaina. Por actividades, estas novas iniciativas céntranse en ámbitos como a valorización de recursos do territorio, o turismo activo, a hostalería e a agroalimentación sustentábel; os servizos tecnolóxicos e formativos apoiados nas novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC); as iniciativas do ámbito do mercadotecnia; a produción e a promoción musical; o benestar e a saúde; e o deseño de espazos e moda especializada.
O delegado da Xunta lembrou que estes días tamén están chegando ao seu remate as accións de formación e asesoramento das últimas edicións dos espazos coworking de Santiago de Compostela, Celanova-Terras da Limia, Costa da Morte, Ferrolterra, A Mariña de Lugo, o Salnés e Ourense, nas que, en conxunto, apoiáronse 167 novos proxectos de emprendemento. Durante os catro anos que leva en marcha, esta rede impulsou un total de 641 plans empresariais de 700 emprendedores.

PUBLICIDADE