Monster Hunter Tri chegará á 3DS cunha sorpresa

mércores, 7 de setembro do 2011 Marcus Fernández

A revista nipona Famitsu recolle nas súas páxinas que a saga Monster Hunter vai chegar tamén á Nintendo 3DS co xogo Monster Hunter Tri G, polo que enténdese que será unha versión actualizada do Monster Hunter 3 Tri de Wii que polo que se comenta, incluiría un novo sistema de control para combates acuáticos, multixogador local e novos monstros, publicándose a finais de ano no Xapón xunto cun dispositivo chamado Expansion Slide Pad, que engadiría un segundo stick analóxico á portátil de Nintendo (o que reforza os rumores de que o ano que vén podería saír un redeseño da 3DS con tan característica).
O vindeiro martes será a conferencia de Nintendo previa ao Tokyo Game Show deste ano, polo que é de agardar que nese momento dean detalles sobre estas informacións, á vez que anunciarán os xogos que poderemos ver para a Nintendo 3DS nos vindeiros meses nos que parece que a portátil de Nintendo vai conseguir consolidarse.

Un accesorio que aparece na revista Famitsu permitiría engadir un segundo stick analóxico á 3DS
O Monster Hunter Tri G melloraría os combates acuáticos fronte á versión de Wii do xogo

PUBLICIDADE