Monster Hunter Wilds leva a Steam a marcar un novo máximo de usuarios conectados

luns, 3 de marzo do 2025 Marcus Fernández

O lanzamento de Monster Hunter Wilds, título que colle a remuda do Monster Hunter: World de 2018, aínda que conta con versións para PlayStation 5 e Xbox Series X|S, onde parece deixar unha maior pegada é en PC, concretamente en Steam, xa que a súa chegada coincidiu co máximo de xogadores simultáneos na plataforma, superando os 40 millóns de usuarios conectados (até 12,8 millóns xogando activamente), dos que até 1.384.608 podían atribuírse ao novo produto de Capcom.
Resulta bastante abraiante ver como o número de xogadores en liña en Steam (PC) non deixa de medrar, superando amplamente os datos do confinamento, o que indica un cambio de hábitos de consumo que non vai acompañado polo volume de negocio, xa que moitos dos títulos que triunfan en liña son xogos de longo percorrido. Como mostra diso temos que a grande estrea de Monstar Hunter Wilds non foi capaz de superar os 1,7 millóns de usuarios no Counter Strike 2, aínda que si conseguise superar a PUBG, Dota 2 e Marvel Rivals.

Tráiler de Monster Hunter Wilds