Monte Pindo presentará estes días os froitos do seu traballo Trekker con Google

martes, 20 de febreiro do 2018 Fernando Sarasketa

JPEG - 255.8 KB
Xil Caamaño intérnase no Monte Pindo portando a mochila Trekker

A confluencia do Monte Pindo de Carnota, por unha banda, e a Rede pola outra, segue dando novos e interesantes froitos. E máis tendo en conta que nin se trata dun monte calquera (amais de ser o emprazamento do Olimpo Celta é un enclave de singular beleza paisaxística e gran importancia medio ambiental) nin tampouco da Internet lle xurdiu un simple apoio: o apoio veu da man de Google. Segundo nos conta a Asociación Monte Pindo Parque Natural, a principal valedora da preservación e visualización desta paraxe, o proxecto Trekker Monte Pindo (posto en marcha en colaboración co dito buscador) xa xerou unha manchea de actividades interesantes que serán presentadas o sábado 24 de febreiro ás 18.00 horas na Lonxa Vella de Lira.
A colaboración con Google consistiu en parte no mapeo e rexistro virtual da práctica totalidade das rutas de sendeirismo de Carnota para poñelos á disposición de todo o mundo a través de plataformas coma Google Street View ou Google Maps.
Por certo que logo da cita Lonxa Vella de Lira, o 28 deste mes, cuarta feira, está prevista en Santiago outra actividade de Asociación Monte Pindo cos medios de comunicación e as entidades, as empresas e os profesionais do ámbito das novas tecnoloxías da información. Esta xornada levarase a cabo no salón real do Hostal dos Reis Católicos de Santiago, a partir das 11.00 horas.
Nestas xornadas a asociación contará coas explicacións e sensacións das persoas responsábeis técnicas do proxecto Trekker e do voluntariado que participou na captura das imaxes. Ademais, proxectarase “un espectacular documental de 10 minutos sobre como se fixo este proxecto”, en palabras dos responsábeis do mesmo. O audiovisual está producido por Guillermo Ascanio e por Miguel Mariño, colaborador da asociación e recentemente proclamado director da Academia Galega do Audiovisual, e coa colaboración do Concello de Carnota.
Máis datos sobre o Proxecto Trekker
A idea de mapear os camiños do Monte Pindo xurdiu a finais de 2016 da man de Santi Llecha, membro da directiva da asociación. A proposta consistiu en solicitar a participación da asociación no programa Trekker Loan de Google, que permite ás entidades facer uso dun avanzado e vangardista equipo tecnolóxico de rexistro para incorporar ás súas plataformas cartográficas Maps, Earth ou Street View camiños que os coches da marca non poden percorrer. A proposta foi aprobada e decontado a asociación púxose a traballar, co apoio (tamén) do Concello de Carnota. Logo de varios meses de negociacións, finalmente o equipamento Trekker arribou a Carnota xa non só co obxectivo inicial de mapear os camiños do Monte Pindo inicialmente previstos, senón de facer todos os do municipio que fora posíbel cubrir.
Segundo lembran dende a asociación, a iniciativa foi ben acollida pola xente dende os seus primeiros pasos, e contou co importante traballo de voluntarios e voluntarias que percorreron as corredoiras de sendeirismo de Carnota carrexando a carga da mochila Trekker, que pesa uns 20 quilos sen contar as baterías e memorias. En pouco máis dun mes remataba a fase de traballo de campo, co resultado total de 160 quilómetros percorridos distribuídos nuns 50 roteiros distintos, incluíndo as súas variantes e mesmo un itinerario costeiro pilotado polo alcalde, Moncho Noceda.
Logo disto entrou en xogo a equipa de Google Street View, quen comezou a avaliar as imaxes rexistradas, “determinando que a práctica totalidade delas reunía os requirimentos de calidade que a marca esixe antes de incorporar as imaxes aos seus sistemas”, explican dende a asociación, engadindo que os resultados do traballo resultaron ser un “éxito rotundo”.

PUBLICIDADE