Monte Pindo recuperará a microtoponima grazas á súa colaboración con Google

mércores, 21 de marzo do 2018 Fernando Sarasketa

A Asociación Monte Pindo quere tirar proveito da súa colaboración con Google, da que falamos os días pasados en Código Cero con motivo da súa presentación en Compostela, para contribuír a salvagardar e preservar a microtoponimia do macizo granítico de Carnota e da súa contorna. Con este obxectivo, vén de xurdir a Mesa da Toponimia do Monte Pindo, unha iniciativa que tamén se dirixe a emendar o coñecemento que temos dos nomes de lugar do chamado Olimpo Celta, que en moitas ocasión é trabucado.
“A nosa idea”, sinala a asociación, “é impedir que esmorezan os topónimos do macizo granítico”, cousa á que están abocados ao desaparecer tamén os seus habitantes, derradeiros testemuñas e depositarios, “xente moi maior na súa maioría”.
A iniciativa, coordinada por Manolo Souto Barreiro, ex profesor do Colexio de Carnota, será unha iniciativa de cooperación e de traballo voluntario, aberta á incorporación de toda a sociedade.
A primeira reunión da Mesa da Toponimia celebrarase o sábado 31 de marzo ás 12:00 horas no salón de actos do consistorio local, no marco da mostra de promoción local de Carnota Víndemo Ver. As persoas interesadas tamén se poden inscribir en info@montepindo.org.
Segundo nos conta a asociación, o proxecto mesturará o emprego das novas tecnoloxías (aplicacións móbiles e cartográficas), a análise da documentación e traballos xa existentes, e “a recollida directa do saber popular” mediante entrevistas persoais á xente con coñecemento acerca da toponimia do Monte Pindo, xente á que por desgraza xa non lle é posíbel (na súa maioría) subir ao macizo e a súa contorna para xeolocalizar e identificar cada recanto co seu nome. Este atranco, con todo, pode solucionarse coas posibilidades do proxecto Trekker posto en marcha en colaboración con Google: a través das aplicacións dixitais de Google as persoas que actúen como fontes de coñecemento poderán recoñecer cada lugar e contribuír á preservación da microtoponimia.
Segundo a asociación, o destino dos datos recopilados será unha publicación impresa e un mapa do Monte Pindo “moito máis exacto e completo cós que xa existen”, nos que se emenden e arranxen os topónimos deturpados ou de invención moderna.

PUBLICIDADE