Montenegro extraditará ao responsable de TerraUSD e LUNA a EE.UU.

venres, 27 de decembro do 2024 Marcus Fernández

O ministro de Xustiza de Montenegro, Bojan Božović, emitiu unha resolución pola que se autoriza a extradición de Kwon Do Hyeong aos Estados Unidos de América, rematando así un conflito xudicial iniciado en marzo do ano pasado, cando prenderon ao empresario responsable das criptomoedas TerraUSD e LUNA mentres tentaba viaxar a Dubái cun pasaporte falso.
O Tribunal Supremo de Montenegro ditou previamente unha sentenza na que se establece que se cumpren os requisitos previstos pola lei para a extradición de Kwon Do Hyeong, a petición das autoridades competentes da República de Corea e das autoridades competentes dos Estados Unidos de América.
Tendo en conta a sentenza do Tribunal Supremo, o Ministerio de Xustiza examinou todos os feitos e circunstancias e avaliou criterios como a gravidade dos delitos, o lugar da comisión, a orde de presentación das solicitudes, a cidadanía da persoa reclamada, a posibilidade de futura extradición a outro país, así como outras circunstancias.
Tendo en conta o anteriormente mencionado, concluíuse que a maioría dos criterios previstos pola lei favorecen a solicitude de extradición das autoridades competentes dos Estados Unidos de América, e por iso o ministro de Xustiza emitiu unha resolución pola que se autoriza a extradición de Kwon Do Hyeong aos Estados Unidos de América, rexeitando simultaneamente a extradición á República de Corea.
Agora Do Kwon (como se lle coñece comunmente) terá que responder nos EE.UU. por unha fraude por valor de 40.000 millóns de dólares, pola que tamén o perseguían as autoridades surcoreanas.
Tras saber que as autoridades o perseguían polas súas actividades fraudulentas cometidas entre 2018 e 2022, Do Kwon abandonara Corea do Sur e, posteriormente, Singapur, e levaba meses en busca e captura cando o localizaron no aeroporto de Podgorica (Montenegro) portando pasaportes falsos de Costa Rica e Bélxica (polo que tamén recibiu unha condena de 4 meses de cadea), chegándose á súa identidade a través das impresións dixitais.
Antes de todo iso Do Kwon era un reputado enxeñeiro de software, que conseguiu captar grande atención coa súa proposta de sistema financeiro baseado en tecnoloxía blockchain, chegando a ser escollido pola revista Forbes como un dos 30 emprendedores mozos máis importantes de Asia.