Mos e a Xunta prolongan a súa formación práctica en mercadotecnia, comunicación dixital e carpintaría 3D

venres, 13 de decembro do 2024 S. P.

O Concello de Mos e a Xunta clausuraron esta semana o obradoiro de emprego dual de Mos (Queda en Mos II) e (este venres) inauguraron a nova edición do mesmo (Queda en Mos III). Respecto da edición de 2024, tivo un orzamento superior aos 531.000 euros e achegou ás persoas asistentes (unha vintena) formación e traballo remunerado arredor da mercadotecnia e a comunicación dixital e da carpintería 3D. A experiencia aproveitouse para eventos organizados no municipio e para a dotación con infraestruturas de instalacións como centros educativos ou parques e espazos verdes municipais.
Mentres, o Queda en Mos III abordará traballos de carpintaría e móbel, a instalación de elementos de carpintaría e o deseño de produtos audiovisuais multimedia interactivos. Os detalles sobre a nova convocatoria foron dados a coñecer polo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, que participou este venres 13 de decembro, xunto coa alcaldesa Nidia Arévalo, e a directora xeral de Formación para o Empego, Zeltia Lado, no acto de inauguración do obradoiro de emprego dual. Explicaron que na nova edición participarán novamente unha vintena de asistentes e que o orzamento global da iniciativa rolda o millón de euros entre ambas accións. O conselleiro sinalou que Queda en Mos III seguirá abordando traballos de carpintaría e móbel, a instalación de elementos de carpintaría e o deseño de produtos audiovisuais multimedia interactivos, en beneficio tanto das oportunidades laborais do alumnado traballador como da contorna.
O titular de Emprego explicou que estas actuacións, financiadas polo Goberno galego, “contribúen a reforzar a colaboración institucional entre a Xunta e as entidades locais a prol do emprego, un compromiso que se manterá”, dixo, “no 2025”.
Destacou que, a maiores de formarse e realizar un traballo de interese público remunerado, estas persoas poden obter un certificado de profesionalidade e, unha vez completen a formación, bríndaselles a posibilidade de traballar nunha empresa do ámbito das materias impartidas por un mínimo de tres meses.