Motorola amplía a súa familia de teléfonos encartables

mércores, 29 de abril do 2026 Redacción

Motorola reforza en 2026 a súa aposta polos móbiles encartables de tipo cuncha cunha renovación completa da serie Razr. Os novos Razr 70, 70 Plus e 70 Ultra chegan cunha segmentación clara, melloras técnicas en pantalla, procesador, batería e cámaras, e unha integración máis profunda de ferramentas de intelixencia artificial.
A principal novidade desta xeración é a incorporación dun modelo intermedio, o Razr 70 Plus, co que Motorola tenta corrixir a ampla fenda de especificacións e prezo que existía entre o Razr 60 e o Razr 60 Ultra do ano pasado.
Os tres modelos manteñen a liña estética da xeración anterior, con acabados que combinan cores e texturas segundo a variante escollida . A primeira gran diferenza aparece nas pantallas exteriores: o Razr 70 incorpora un panel Extreme AMOLED de 3,63 polgadas, mentres que tanto o Razr 70 Plus como o Razr 70 Ultra dan o salto a unha pantalla externa de 4 polgadas con maior brillo e taxas de refresco de ata 165 Hz.
No interior, o Razr 70 e o Razr 70 Plus comparten un panel Extreme AMOLED de 6,90 polgadas, mentres que o Razr 70 Ultra amplía lixeiramente o tamaño ata as 6,96 polgadas e alcanza un brillo máximo de 5.000 nits, o máis elevado da serie.

Procesadores diferenciados e máis memoria nas versións superiores

A segmentación técnica tamén se reflicte nos procesadores. O Razr 70 aposta polo MediaTek Dimensity 7450X, mentres que o Razr 70 Plus integra o Snapdragon 8s Gen 3 e o Razr 70 Ultra dá o salto ao Snapdragon 8 Elite, o chip máis potente da compañía para esta xeración de encartables .
O Razr 70 estará dispoñible con 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento por 869 euros; mentres que o Razr 70 Plus con 12 GB de RAM e 256 GB de almacenamento custará 1.049 euros (1.149 euros na versión con 512 GB de capacidade); e o Razr 70 Ultra, que con 16 GB de RAM e 512 GB de almacenamento venderase a 1.399 euros.

Baterías, cámaras e intelixencia artificial

A autonomía é outro punto diferenciador. O Razr 70 incorpora unha batería de 4.800 mAh, o Razr 70 Plus baixa a 4.500 mAh e o Razr 70 Ultra sobe ata os 5.000 mAh, converténdose no modelo máis duradeiro da familia . As velocidades de carga tamén aumentan segundo a gama: 30 watts no modelo básico, 45 watts no Plus e 68 watts no Ultra, que ademais ofrece carga sen fíos de 30 watts e carga inversa de 5 watts.
Os tres modelos incorporan dúas cámaras traseiras de 50 Mpíxeles, pero o Razr 70 Ultra destaca por integrar un sensor LOFIC de última xeración, capaz de capturar ata seis veces máis rango dinámico e procesar imaxes ao dobre de velocidade . A cámara frontal tamén mellora no Ultra, que sobe ata os 50 Mpíxeles fronte aos 32 Mpíxeles das outras dúas versións.
A nivel de software fotográfico, toda a serie incorpora funcións como o xesto de rotación da boneca para facer zoom en modo camcorder ou Frame Match, que axuda a cadrar mellor retratos tomados por outra persoa.
Os tres teléfonos chegan con Android 16 e inclúen Moto AI, que permite empregar plataformas como Google Gemini, Microsoft Copilot ou Perplexity para tarefas de produtividade, creación de contido ou asistencia contextual.