Motorola é unha das marcas con peor política de actualizacións

luns, 2 de febreiro do 2026 Marcus Fernández

Sorprende que nun momento no que Qualcomm promete 8 anos de actualizacións para os seus procesadores para móbiles de gama alta e gama media, e parecía normalizada a superación dos 6 anos de actualizacións por parte dos principais fabricantes, dende Motorola estean a dar moi malas novas para os seus dispositivos máis económicos, de xeito que nin sequera se molestan en prometer actualizacións futuras do sistema operativo, e incluso ofrecerían actualizacións de seguridade dun xeito moi pobre.
Por exemplo, se miramos os dispositivos da gama Moto E, o fabricante só estaría a prometer actualizacións de seguridade durante dous anos (que rematarían en decembro de 2026), pero non só estes móbiles tan económicos (móvense no contorno dos 100 euros) estarían tan maltratados, senón que o propio Moto G17 (cun prezo oficial de 199 euros) non só chegaría con Android 15 (a versión de Android de 2024) senón que non prometería actualizacións de versión de sistema operativo e, se miramos na páxina do produto en Reino Unido tamén se indicaría que só tería 2 anos de actualizacións de seguridade. No caso dos produtos de maior prezo, a promesa de actualizacións de seguridade sería de máis de 4 anos (o que segue a ser menos do que ofrecen outras marcas).
Aínda que é bastante probable que as actualizacións de seguridade cheguen a distribuírse durante máis tempo do prometido, o feito de que os produtos queden estancados en vellas versións de Android deixa clara a intención de Lenovo (actual do no de Motorola) de non dar un bo soporte aos produtos de gamas económicas, en contraste co pasado da marca, cando Motorola chegou incluso a adiantarse a Google á hora de distribuír actualizacións. Ante este panorama o seu sería non recomendar o uso de produtos da marca Motorola, xa que non ofrecen confianza a longo prazo.