Motorola entra na competición dos smartphones ultrafinos
venres, 10 de outubro do 2025
Vivimos un momento no que os fabricantes de smartphones volven coa teima de comercializar dispositivos moi delgados, e tras o Samsung Galaxy Edge cun grosor de 5,8 milímetros e batería de 3.900 mAh e o iPhone Air cun grosor de 5,6 milímetros e batería de 3.149 mAh, sorprenden anticipando que o Motorola Edge 70 5G chegará o mes que vén cun deseño ultrafino e unha sorprendente batería de 4.800 mAh con carga TurboPower de 68 watts por cable (e de 15 watts sen fíos).
O novo smartphone presentarase o vindeiro 5 de novembro, e aínda que non sexa máis fino que os móbiles de Samsung e Apple, supéraos sobradamente en capacidade de batería, o que supón un equilibrio que pode resultar moi atractivo para moitos usuarios. O dispositivo chegará con pantalla P-OLED de 6,67 polgadas cunha resolución de 2.712 x 1.220 píxeles e 120 Hz de velocidade de refresco, cámara frontal de 50 Mpíxeles, cáamra traseira dual con sensores de 50 Mpíxeles con estabilización óptica, procesador Qualcomm Snapdragon 7 Gen 4, 12 GB de RAM, 512 GB de almacenamento e carcasa en 3 cores diferentes.
Aínda que se trata do que poderiamos describir como un móbil de gama media cun deseño de gama alta, o prezo non será especialmente axustado, e xa figura en tendas en liña por a partir de 709 euros (superando os 800 euros noutras ocasións), o que inicialmente podería ser un freo para o seu éxito comercial.
