Motorola pon á venda un smartphone ultrafino con batería de 4.800 mAh

mércores, 5 de novembro do 2025 Marcus Fernández

Aínda que en China anunciasen que o seu smartphone Moto X70 Air tería un grosor de só 5,3 milímetros, o dato resultou ser falso, e finalmente corrixiron as dimensións do dispositivo que chega por fin ao mercado europeo como Motorola Edge 70.
Esta incursión de Motorola nos móbiles ultradelgados presume dun grosor de 5,9 milímetros e un peso de 159 gramos, sen sacrificar autonomía, xa que integra unha batería de silicio e carbono de 4.800 mAh con carga rápida de 68 watts.
Este terminal móbil tamén presume de ser o único smartphone desta categoría con 3 cámaras de 50 Mpíxeles (concretamente a cámara frontal e as cámaras traseiras principal e ultra grande angular).
O Motorola Edge 70 está equipado cunha pantalla pOLED Super HD de 6,67 polgadas de grande nitidez e contraste, un procesador Qualcomm Snapdragon 7 Gen 4, 12 GB de RAM LPDDR5X, 512 GB de almacenamento interno uMCP, protección IP 68 e IP69, carga sen fíos, tecnoloxía Water Touch para poder empregar a pantalla táctil do móbil incluso baixo a chuvia, 4 anos de actualizacións de Android e 6 anos de actualizacións de seguridade e a función Circle to Search de Google.
Estamos ante un smartphone de gama media, que a nivel de deseño podería compararse coa gama alta, pero que chega cun prezo bastante elevado (799 euros), aínda que, para xustificar tal investimento, inclúe varios accesorios adicionais, como un Moto Watch Fit (valorado en 99 euros), uns auriculares Moto Buds Loop (149 euros), un Moto Tag (39,91 euros) e un cargador de 68 watts (29 euros), ou sexa, máis de 300 euros en agasallos que, de restarse ao prezo do produto conformarían un móbil bastante recomendable para quen busque un dispositivo cun deseño ultradelgado, pero que, co seu prezo actual, resulta bastante difícil de recomendar por estarmos ante un dispositivo cun procesador de gama media e sen cámara con teleobxectivo.

O Motorola Edge 70 sorprende polo seu deseño ultradelgado