Motorola presenta o seu novo smartphone de alta gama
martes, 4 de abril do 2023
Motorola vén de presentar o seu novo móbil insignia para Europa, o Edge
40 Pro, un potente teléfono que funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon
8 Gen 2, equipado con 12 GB de RAM LPDDR5X e 256 GB de almacenamento UFS 4.0, que
presenta unha pantalla pOLED Full HD+ de 6,67 polgadas cunha velocidade de
actualización de 165 Hz e un brillo de 1.300 nits así como altofalantes estéreo
con Dolby Atmos, de xeito que resulta moi agradecido para a reprodución
multimedia e o xogo.
Este novo smartphone tamén conta con Bluetooth 5.3, NFC, Wi-Fi 6E (estando
preparado para Wi-Fi 7); a súa batería de 4.600 mAh pode cargarse por cable até
a 125 watts e sen fíos a 15 watts (contando tamén con carga inversa sen fíos de
5 watts); e incluso ten resistencia IP68, deixando claro que estamos ante un
auténtico móbil de alta gama.
A nivel de cámaras tamén destaca pola súa cámara traseira tripla cun sensor
principal de 50 Mpíxeles con estabilización óptica, un grande angular de 50
Mpíxeles e un teleobxectivo 2x de 12 Mpíxeles, mentres que a cámara frontal
sorprende cun sensor principal de 60 Mpíxeles.
Estamos ante un dispositivo moi completo, co que buscan xustificar o seu prezo
de 899 euros, aínda que o principal pero que se lle podería pór é que, aínda
que vén con Android 13, non se anuncia cantas actualizacións de sistema ofrecerá,
algo no que Motorola está a quedar atrás ultimamente ao ofrecer só 2 anos de
actualizacións de sistema e 3 de parches de seguridade, mentres que empresas
como Samsung, Oppo ou OnePlus ofrecen actualmente 4 anos de actualizacións de
sistema e 5 anos de parches de seguridade para os seus móbiles de alta gama.
Vídeo promocional do Motorola Edge 40 Pro