MouseCraft, un orixinal xogo de quebracabezas que chegará a PS Vita no verán

venres, 9 de maio do 2014 Marcus Fernández

O vindeiro 9 de xullo a PS Vita vai recibir un xogo moi prometedor, pola súa estética e mecánica de xogo, MouseCraft, ao que Sony fai un achegamento hoxe dende o seu blog oficial, para que o público vaia coñecendo o que ofrecerá este título desenvolvido por Curve Digital.
Este xogo de deseño coidado está protagonizado por Schrödinger, un tolo gato científico, que deberá solucionar numerosos quebracabezas nos que axudar a un grupo de ratos a atopar queixo, guiándoos mediante a colocación de bloques como os de tetrominó a través de 80 niveis cheos de obxectos coleccionables, inimigos e perigos.
Pode resultar un tanto raro que teñamos na pantalla da portátil de Sony a un gato axudando a ratos, pero resulta que os roedores son un elemento imprescindible dos experimentos de Schrödinger, quen espera que co seu movemento poidan xerar enerxía a través dunha máquina que está a desenvolver, e non parece mellor xeito de facer que os ratos se movan que amosarlles un anaco de queixo. Unha curiosa desculpa para crear un xogo que podemos describir como unha mestura de dous clásicos de grande éxito como Tetris e Lemmings.

MouseCraft destaca tanto pola súa mecánica de xogo como pola súa estética


Último trailer de MouseCraft

PUBLICIDADE