Movistar Fusión incrementará velocidades e prezos en febreiro

xoves, 21 de decembro do 2017 Marcus Fernández

Que Movistar vaia comezar 2018 con subas de prezo non é algo que sorprenda a ninguén, pero finalmente os incrementos de prezo serán en practicamente todos os servizos dun xeito ou outro, pasando a afectarse as liñas de fibra óptica empregando a mesma táctica dos últimos anos: acompañando o cambio de tarifas cun cambio de velocidades.
Finalmente en febreiro dobrará a velocidade dos paquetes Movistar Fusión, de xeito que quen tiña 300 Mbps simétricos pasará a ter 600 Mbps, e tamén aumentarase o volume de datos no móbil (2 GB por liña), pero subindo os prezos no camiño. As tarifas de Movistar Fusión distintas de Fusión cero e Fusión Series incrementarán a súa cota mensual en 5 euros.
En febreiro tamén lanzarase un receptor de televisión 4K, polo que non sería de sorprender que as novas tarifas de fibra e os novos contidos en ultra alta definición se anunciasen de xeito conxunto, como un xeito de mitigar a nova da subida de prezo que resulta especialmente molesta tras as numerosas subas de prezo que padecemos ultimamente. De feito, esta mesma semana a CNMC confirmou o incremento do gasto dos españois en telecomunicacións no fogar, que sería dun 15% interanual o pasado mes de xuño.

PUBLICIDADE