Movistar Plus acompaña a estrea de A guerra do haxix dunha presentación en Pontevedra

mércores, 3 de xaneiro do 2024 S. P.

Comezou a conta atrás para a estrea da serie A guerra do haxix (La guerra del hachís) na plataforma Movistar Plus (con acceso dispoñíbel para usuarios doutras operadoras). Para achegarnos todo tipo de detalles sobre esta nova produción centrada na nosa terra, a plataforma prepara unha xornada de presentación para o vindeiro martes 16 de xaneiro en Pontevedra.
A serie cóntanos a transformación de España, por terra, mar e aire, no principal porto de entrada do haxix en toda Europa. O creador e director da serie é Víctor Méndez, responsábel de Narcogallegos. A serie é un documental que narra “co máximo detalle” un negocio dominado polo crime organizado e que move millóns de euros manchados de sangue. Os panos de fondo son o Campo de Xibraltar, o Delta do Ebro, a Costa do Sol, Galicia, Marrocos e Portugal. A produción introdúcese en operacións en tempo real en Galicia, en Cataluña e en Andalucía e senta “por primeira vez ante as cámaras” a un representante do cártel dos Balcáns, considerada a maior organización de tráfico de drogas do mundo na actualidade. Ademais, as cámaras acompañan a máis de 200 policías nunha operación antidroga que se salda con 30 detidos e descóbrenos como evolucionou a produción e o tráfico do haxix, o transporte no que se traslada a mercadoría e quen controlan actualmente este perigoso negocio.
A presentación inclúe a proxección do primeiro episodio, un coloquio, un photocall e un cóctel, entre outras actividades. A cita será no Teatro Principal de Pontevedra. Contarase coa presenza do director, de Leticia Pérez Rico (Movistar Plus ) e dalgúns protagonistas do documental, os máximos responsábel na loita contra o narcotráfico das forzas de seguridade a nivel nacional.
A estrea da serie en Movistar Plus está prevista para a mesma xornada do 16 de xaneiro.

PUBLICIDADE