Movistar Plus+ estrea un plan con cine e series por 4,99 euros/mes

martes, 5 de maio do 2026 Redacción

Movistar Plus+ incorpora unha nova opción de subscrición máis económica centrada exclusivamente en contidos de ficción e entretemento, o Plan Libre: Cine y Series por 4,99 euros ao mes, unha modalidade sen deporte que convivirá co plan xa existente de Cine, Series y Deporte por 9,99 euros mensuais e co recente Plan Gratuito, que ofrece acceso sen custo a unha selección de programas propios.
A nova proposta busca adaptarse aos usuarios que non teñen interese nas retransmisións deportivas, reforzando a estratexia de segmentación da oferta segundo os hábitos de consumo. Mantense así a aposta por un catálogo amplo e diverso, cun prezo máis axustado para quen prioriza películas, series, documentais e entretemento.
A subscrición inclúe acceso a máis de 70 canles de información e entretemento internacional, entre elas Discovery HD, AXN, Warner Bros, TCM, National Geographic, CNN ou BBC News. O catálogo cinematográfico incorpora producións propias e títulos participados pola plataforma, como Los Domingos, Sirat, La cena, Sorda ou Maspalomas, xunto con filmes internacionais como Valor Sentimental, Pecadores ou Materialistas.
A oferta de series combina estreas recentes de produción propia, como Yo siempre a veces ou Por cien millones, con títulos consolidados como Querer, Los años nuevos, Celeste, La Mesías ou Antidisturbios. Tamén se inclúen producións internacionais de éxito, entre elas Outlander ou Más que rivales.
Os documentais ocupan un lugar destacado, con propostas de true crime ligadas a Carles Porta e producións orixinais como Cuando nadie me ve (centrada en Alejandro Sanz), Lola ou Raphaelismo, ademais de contidos internacionais da BBC e diversas biografías.
A programación complétase con formatos de lecer propios como Ilustres Ignorantes, El consultorio de Berto, Leo Talks, El día después ou Eurofighters. O plan mantén funcionalidades habituais da plataforma, como dúas reproducións simultáneas, acceso multidispositivo, control do directo e descarga de contidos para visualización sen conexión.
O lanzamento acompáñase dunha campaña publicitaria en medios dixitais e televisión baixo o lema «No podrás ver otra cosa», que introduce o prezo de 4,99 euros de maneira integrada en escenas de series e películas para reforzar a súa visibilidade.
A contratación realízase sen permanencia e está aberta a calquera usuario, independentemente do operador de Internet. O rexistro pode facerse a través da web de Movistar Plus+ ou da súa aplicación en distintos dispositivos.